CRTVG

Buscar

Os expertos din que Galicia sairá mellor parada que o resto da UE tras o Brexit

Publicado o 20/03/2017 20:56

As illas británicas non son o principal destino das exportacións galegas nin tampouco son británicos a maioría dos turistas que nos visitan

De todos os turistas que veñen a España, a maioría son británicos. Pero en Galicia só representan o 7% de todos os visitantes. Tamén, e a pesar do incremento do ano pasado, os 1.500 millóns de euros que as empresas galegas exportaron o ano pasado a Gran Bretaña só representan o 8% do total.

"Galicia creo que neste sentido está nunha situación relativamente privilexiada. Non quero dicir que vaian pesar máis os aspectos positivos, quizais haxa repercusións negativas pero non moi grandes, en comparación co resto da Union e o resto de España", cre o economista Eugenio García Lalinde.

Máis inquedanza hai no mundo do mar. 800 mariñeiros galegos traballan baixo bandeira británica no Gran Sol, e outros 1.000 nas Malvinas. Pero a pesca non é un sector poderoso no Reino Unido, polo que temen ser moeda de cambio se as negociacións se complican.

"Facilitar a libre circulación de produtos pesqueiros procedentes do Reino Unido á Unión Europea a cambio de que se respecten os dereitos adquiridos dos nosos traballadores a bordo deses buques e, sobre todo, que se permita o libre acceso ás augas do Reino Unido como agora", propón Javier Touza, presidente dos armadores de Vigo.

Para Galicia, os sectores máis sensibles son o téxtil e a automoción. Venden no Reino Unido o 70% do que exportan. Para eles, a imposición de aranceis podería ter efectos importantes, aínda que os expertos dubidan dun xiro radical no tradicional apego británico polo libre comercio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/03/2017