CRTVG

Buscar

Os expertos cren que hai que priorizar a vacinación en países en desenvolvemento antes de propor a terceira dose no noso país

Publicado o 05/08/2021 15:07

Ante o debate da terceira dose ou a vacinación anual que propoñía nas últimas horas a ministra de Ciencia, Diana Morant, os expertos chaman á prudencia.

África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo: "Non hai estudos que apunten a que sexa obrigatoria a terceira dose de xeito global, pode haber determinados colectivos como persoas inmunodeprimidas, que teñan algún tipo de inmunodeficiencia ou que estean tomando tratamentos inmunosupresores e nestes casos podería ser axeitado".

O prioritario para os científicos é frear a aparición de novas variantes e iso só se consegue vacinando a poboación dos países en desenvolvemento. De feito a OMS solicita aos países desenvolvidos que non empecen a poñer terceiras doses polo momento.

África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo: "En moitos países que non teñen vacinados nin o 10 % da poboación e é onde poden xurdir novas variantes, a OMS o que está propoñendo é que imos vacinar a toda a poboación vulnerable de todo o mundo antes de propor unha terceira dose". Amós García Rojas, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía: "Mentres siga habendo grandes territorios de persoas sen vacinar van seguir producíndose novos casos e iso significa a posibilidade de aparición de novas variantes, algunha das cales pode ser máis resistente as actuais vacinas. Polo tanto habería que readaptar esas vacinas e polo tanto ó mellor habería que revacinar".

Varios estudos científicos demostraron que a resposta ás vacinas da Covid dura na poboación en xeral polo menos oito meses, podería ser menos en persoas maiores ou inmunodeprimidas.

Noticias web

05/08/2021