CRTVG

Buscar

Os expertos avogan por reducir máis a interacción social

Publicado o 10/01/2021 21:30

Galicia sobe dos 4.400 novos contaxios na última semana. Os expertos calculan que a situación aínda vai empeorar.

Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva, asegura que a "situación está crecendo agora, os datos van seguir medrando aínda dúas semanas". Dúas semanas decisivas para as que o profesor avoga por restrinxir os contactos sociais e por reforzar os cribados poboacionais.

"Máis limitacións e máis cribados". "É moi importante a busca desas fontes de infección, eses asintómaticos que pode haber na comunidade", asegura. "A identificación dos casos sen síntomas debe ser rápida". Gestal defende que os tests de antíxenos poden ser unha boa opción. "En Madrid nun momento no que aplicaron ben os tests de antíxenos naqueles barrios e naqueles colectivos que estaban máis afectados lograron conter a curva mantendo a hostalería aberta".

O experto en saúde pública dudida de que os peches perimetrais sexan eficaces para conter a expansión do coronavirus.

"Os peches perimetrais, que tradicionalmente se chaman cordóns sanitarios, véñense facendo dende a Idade Media e polo tanto temos experiencia co seu resultado. Sempre houbo salvocondutos e ao haber salvocodutos hai moita xente que entra e que sae e que polo tanto fai que eses cordóns sanitarios non sexan efectivos".

A receita para superar indemnes esta terceira vaga di o profesor que non agocha segredos.

"Todos sabemos o que hai que facer, o mínimo contacto social con non conviventes nos meses de xaneiro e febreiro".

 

Noticias web

10/01/2021