CRTVG

Buscar

Os expertos advirten de que estamos lonxe de ter a pandemia controlada

Publicado o 09/05/2021 21:15

Os expertos apelan á responsabilidade persoal tras as xuntanzas e festas desta fin de semana en moitos puntos de España. Acabou o estado de alarma, pero estamos moi lonxe de ter a pandemia controlada. "Teriamos que ter entre vinte e vinte e cinco casos por cen mil habitantes, e estamos de media en España por riba dos 200, e nalgunhas comunidades mesmo moitos máis", puntualiza a inmunóloga África González.

África González subliña que as multitudes e a relaxación nas medidas dan ás ao virus. "Zonas onde houbo moito intercambio, moito contacto e moita xente son o foco ideal, o caldo de cultivo para que xurdan variantes novas", afirma.

Di que cando avance a vacinación poderemos ir sen máscara pola rúa ou cando esteamos con outros vacinados. "Pero cando hai multitudes hai que seguir mantendo as medidas de control", asevera.

A inmunóloga explica tamén que unha vez vacinados, o control das novas variantes vai ser máis fácil. "Coas novas variantes imos ter moita mellor resposta que se non tivésemos a vacina, porque o noso sistema inmunitario é capaz de ir adaptándose ás novas variantes que poidan chegar."

Subliña, porén, que é preciso axilizar a vacinación. Ter moitos máis vacinados en pouco tempo para controlar a situación.