CRTVG

Buscar

Os expertos alertan de que as novatadas son un abuso de poder

Publicado o 23/09/2019 09:51

Os expertos alertan de que as novatadas constitúen un abuso de poder entre persoas ou grupos. Din que é fundamental traballar na educación, involucrando os estudantes, para evitar normalizar comportamentos hostís, omisións de socorro ou ameazas, e máis cando intentan confundilas con supostas bromas.

Non son novatadas, é un abuso de poder. Aí radica o problema, confirman os expertos, en non distinguir cando se está levando a cabo sobre alguén unha situación de control, opresión e extralimitación por parte doutra persoa ou por mesmo un grupo. Por tanto, logo pódese chegar a normalizar dende que alguén tome licenzas sobre nós, ata a mesma violencia.

A presidenta da asociación Non máis novatadas, Loreto González Dopeso, explica que "os vídeos con cousas moi brutas, imos chamalo así, si que fan que a xente reaccione. As novatadas non son bromas, as novatadas teñen uns compoñentes ben diferentes dos das bromas. As cousas brutas fannos reaccionar, o malo das cousas brutas é que trivializan aínda máis as leves... Pero mentres sexan uns xogos, mentres só lles pinten a cara, mentre só os enlarafucen... Non! Eu creo que o problema é que un grupo de mozos moi empoderado está decidindo o que teñen que facer uns mozos, que por outra parte non constitúen grupo, e chegan á universidade. Eu creo, eu non os que estudaron este tema, que é un problema de abuso de poder".

Que dende as universidades se tomen medidas, ben sexa expedientar ou sancionar, existan ou non denuncias constituirá un avance, para evitar este tipo de comportamentos.

Dopeso sinala que "fronte ao abuso e ao acoso, todo o que sexa un posicionamento de unha universidade sempre é dar un paso positivo. Os propios mozos teñen que ser concienciados de que teñen que intervir nisto".

A Universidade de Santiago vai camiño de abrir o terceiro expediente, que aínda está en investigación, por culpa das novatadas. Facer conscientes os estudantes dos tipos de comportamentos abusivos que existen, constitúan ou non un delito, será fundamental para evitar que as humillacións, ameazas, lesións e mesmo as omisión de socorro aumenten ou se vexan como normais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019