Alertan da presenza de plástico no estómago dos animais mariños
O plástico que os biólogos atoparon no interior do estómago dunha tartaruga de coiro que varou en Malpica ofrece unha imaxe máis que contundente. Sorprende que, a pesar das súas dimensións, non lle impedise o tránsito dixestivo. Porén, a inxesta do plástico, que estes animais confunden co seu alimento, pode provocarlles con facilidade a morte.
Non só as tartarugas están expostas á presenza de plástico no mar. Atopalo no estómago dos mamíferos mariños que varan nas costas galegas é cada vez máis frecuente. Se falamos de golfiños, no 99 por cento dos casos.
A maior porcentaxe de lixo que chega ao mar é plástico. Impedilo pasa por modificar os nosos hábitos de consumo, por iso, a comunidade científica non cesa no seu chamamento á concienciación cidadá.