CRTVG

Buscar

Os expertos advirten do risco da proliferación das 'manadas' sexuais

Publicado o 09/01/2019 15:02

A necesidade de aceptación grupal e unha aprendizaxe sexual distorsionada pola pornografía poderían explicar a proliferación das manadas. Voces expertas advirten ademais que hai risco de contaxio e que a única vacina posible é unha educación igualitaria que desterre a cousificación das mulleres.

Callosa, Molins de Rei, Pamplona... A noticia repítese cada vez con máis frecuencia. Un grupo de mozos agride sexualmente unha muller e grava os feitos para amosalo. No eido da psicoloxía coinciden en que existe risco de contaxio e que non todos os que violan en grupo o farían en solitario.

Concha Rodríguez, psicóloga experta en violencia machista: "Hai cultura de grupo. Se todos queren pertencer a ese grupo teñen que pasar por aí. Isto non é unha xustificación porque cada persoa é responsable dos seus actos individuais e grupais. Pero si inflúe a cultura de grupo, sobre todo hoxe en día, entre os adolescentes e mozos ten máis poder para a identidade o grupo entre iguais ca a propia familia ou comunidade".

Ademais, afirman que o uso da violencia e do sometemento da muller como fonte de excitación ten relación co consumo da pornografía como escola de sexo.

Concha Rodríguez, psicóloga experta en violencia machista: "Aprenden unha sexualidade que xa vai condicionada de base a algo que seguramente non van atopar na súa vida e van tentar buscalo, forzalo, esixilo porque pensan que o sexo é iso".

Propoñen reforzar unha educación afectivo-sexual igualitaria e piden que a sociedade, os medios e a publicidade non contribúan á cousificación da muller.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2019