Os expertos aconsellan facer un uso racional das redes móbiles, sensibles á saturación
Nun momento en que as comunicacións son tan importantes, expoñémonos a isto.
As redes móbiles son máis sensibles á saturación. Os expertos cren que van ser situacións puntuais, pero aconséllannos facer un uso racional nestes días nos que a xente está toda na casa. Os servizos de vídeo consomen máis do oitenta por cento do tráfico de datos e as redes poden resentirse.
Marcus Fernández, webmaster de Código Cero:"Habería que racionalizar un pouco. Agora que a xente empeza a teletraballar, debería procurar non utilizar vídeo por exemplo para conversar, porque cun audio é dabondo e evítanse problemas de conexión".
"Aínda que no caso das liñas de fibra óptica son moi xenerosas e, aínda que vaian á metade de velocidade ou á cuarta parte, é moito máis do que un pode necesitar".
Polo que respecta ás plataformas de ocio, aconsellan facer uso delas nas horas de menos tráfico: entre as dúas e as catro da tarde, e a partir das oito da noite.
Os problemas serán maiores no rural. Cando a conexión non chega a 6 megas; se se ralentiza, resulta difícil ler un simple correo electrónico.
Marcus Fernández, webmaster de Código Cero: "Aí o que pasa é que hai moita xente pendurada dunha única antena de telefonía móbil, utilizando datos, e ese servidor, esa infraestrutura, dá o que dá, non dá máis".
As principais operadoras din que o uso das redes fixas de Internet aumentaron un 40 por cento, as redes móbiles por voz un 50 por cento e as redes móbiles de datos un 25 por cento. Polo momento non é un problema, pero, advirten, poderían ter que intervir e quitarlle prioridade a algunhas conexións.