CRTVG

Buscar

Os exames enchen de estudantes as bibliotecas galegas

Publicado o 02/05/2019 13:44


Dez e media da mañá e non quedan sitios libres na Biblioteca Concepción Arenal da USC. As únicas cadeiras que vemos baleiras son as daqueles que saíron facer un descanso. Atopámolos moi preto, ás portas do edificio, tomando café e distraéndose do temario do exame: "Levamos aquí desde as oito e media da mañá e agora toca momento de café. Levamos toda a mañá estudando e, agora, pausa". "Empezamos o sábado pasado cunha adiantada, pero empezamos o día 15, ata o dous de xuño. A partir de agora, a dormir aquí". "Eu polo día. Chéganme as dez da noite e o cerebro xa me di 'a durmir'. Prefiro erguerme o día seguinte ás seis da mañá e poñerme pronto que quedar polas noites. Eu non sacrifico o durmir".

Desde hoxe, esta biblioteca abre as vinte e catro horas do día. Comeza a segunda fase de horarios extraordinarios que programa a Universidade de Santiago con motivo dos exames finais. O obxectivo é adaptarse ás necesidades dos alumnos, aos seus hábitos de estudo, e tamén á elevada demanda: "Eu, ata agora polo día, pero agora vou cambiar o horario para estudar de noite. Fas menos descanso, menos distraccións, estás máis canso, pero bueno". "Vou variando. Mentres haxa descansos para tomar café ou así... Adoito quedar tamén pola noite, ata a unha ou as dúas, depende do día". "Eu veño pola mañá. Teño horario de funcionario, de oito a tres, porque estar aquí todo o día consume a un. E tamén un pouco de tempo libre, de despexar, relaxarse cos amigos... bótase en falta". "Se nun momento ves que non podes máis, déixalo. Mañá é outro día e seguro que o aproveites máis que quedando diante do libro sen poder facer nada. Din que 'lección durmida, lección aprendida' e eu lévoo ao pé da letra".

Quédanlles por diante varias semanas de traballo intenso, así que convén dosificar as forzas.
 

Noticias web

02/05/2019