CRTVG

Buscar

Os eurodeputados expulsados de Venezuela volverán o sábado ao país

Publicado o 18/02/2019 19:17

O voceiro do Partido Popular europeo, Esteban González Pons, asegurou que tentarán volver entrar en Venezuela este sábado. O vicepresidente do grupo encabezaba unha delegación de eurodeputados que foi expulsada do país polo réxime de Nicolás Maduro. O Goberno de España condenou o sucedido. 

Á súa chegada a España, Esteban González Pons explicaba o obxectivo da viaxe.

"Non iamos de turismo nin provocar", dixo.

Os cinco eurodeputados tiñan previsto manter reunións con familiares de presos políticos e oenegués e co propio Guaidó. Foran invitados pola Asamblea Nacional, en nome do presidente do Parlamento. Non pasaron do aeroporto.

"Foi moi duro, moi desagradable. Pero nós, coma o pobo de Venezuela, non nos rendemos. Invitounos quen é presidente de Venezuela e expúlsanos quen xa non o é desde hai moito tempo", engadiu. 

Di González Pons que tentarán viaxar a Venezuela o sábado e pídelle á Unión Europea que abandone o Grupo de Contacto. O Goberno de España condenou o sucedido.

"Nós quereriamos que puidesen entrar. Condenamos a actitude do Goberno de Nicolás Maduro de non deixalos entrar", dixo o ministro de Exteriores. 

Desde o Goberno venezolano, o chanceler Jorge Arreaza dixo que xa avisaran que os eurodeputados, que viaxaban con fins conspiradores, escribe, non serían admitidos e engadía que o Goberno da República Bolivariana non vai permitir que a extrema dereita europea, di, perturbe a estabilidade do país.

Noticias web

18/02/2019