CRTVG

Buscar

Os eurodeputados expulsados de Venezuela pídenlle á UE que se retire do grupo de contacto

Publicado o 18/02/2019 20:32

Varios países europeos, e o Goberno de España, condenan a expulsión de Venezuela dunha delegación de europarlamentarios españois. Pretendían reunirse con Juan Guaidó, pero o réxime de Maduro non o permitiu porque considera que a viaxe tiña fins conspiradores.

A delegación xa está de volta en España e o primeiro que explicaron é que non ían de turismo nin con afán de buscar problemas ou provocar. Invitados pola Asemblea Nacional, en nome do presidente do Parlamento, a axenda dos 5 eurodeputados estaba marcada por xuntanzas con familiares de presos políticos, e co propio Guaidó, pero chegaron ao aeroporto e non puideron entrar no país.

González Pons pídelle á Unión Europea que lles retiren as credenciais aos embaixadores de Maduro e que abandone o Grupo de Contacto Internacional que trata de mediar para unha saída non violenta. Algo que desbotaron os ministros europeos tras o consello deste luns. Desde o Goberno de España intentaron sen éxito que puideran entrar e condenan o sucedido.

Guaidó falou do necesario cesamento da usurpación, e desde o Goberno venezolano explicaron a través das redes sociais, que xa avisaran de que os eurodeputados que viaxaban con fins que cualifican de conspiradores non serían admitidos. E arremeteron duramente contra a delegación española, que tentará viaxar a Venezuela de novo este sábado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2019