Os Estados Unidos superan por primeira vez os 50.000 contaxios nun día

A expansión do coronavirus SARS-CoV-2 nas Américas, onde xa suma 5.317.792 infeccións e 252.340 mortes segundo a OMS, coincide co afán de reapertura en case todos os países, que tratan de poñer freo á grave crise económica desatada como produto das corentenas.
Segundo os datos da Universidade Johns Hopkins, os Estados Unidos e O Brasil están dentro do grupo de países que xa aglutinan un 40 % dos casos positivos do patóxeno causante da COVID-19 globalmente, mentres que na relación de países máis afectados tamén se atopan outros como México, Perú e Chile, que entre os tres contabilizan 793.345 positivos e 43.199 falecementos.
Colombia, que pasou desde o mércores a integrar a lista dos 100.000 ou máis casos de coronavirus, é o vixésimo país con máis contaxios, con 102.261, e ten unha taxa de infección de 1.922,96 casos por millón de habitantes, con 3.344 decesos.
Reapertura nos EUA con récord de contaxios
Os Estados Unidos, que romperon este xoves o seu récord diario de contaxios con 54.437, superando por primeira vez os 50.000, elevou o total de casos a 2.732.639 e ve como algunhas das súas rexións teñen que operar con freo de man á hora de abrir a economía ante o impacto do virus. O número de mortos chega a 128.651 tras sumar 623 nas últimas 24 horas.
En California, o seu gobernador anunciou detalles das novas restricións en espazos pechados, incluídos bares e cinemas, en 19 condados. "Antes das vacacións do 4 de xullo temos que incidir na importancia de levar máscara e seguir os mandatos de distancia social, especialmente nos condados con praias. Non queremos ver un novo aumento dentro de dúas ou tres semanas", sinalou o político demócrata.
Arizona pechou piscinas, bares, ximnasios e cinemas polo aumento dos casos e despois de que en maio o presidente estadounidense, Donald Trump, encomiase o inicio da reapertura económica.
Colorado e Michigan retractáronse dos seus plans de apertura de bares, a pesar de que en moitos condados puxeron as vacacións do Día da Independencia como fito para alcanzar a "nova normalidade".
Na Florida, onde só este xoves se rexistraron máis de 10.000 casos do SARS-CoV-2, o vicepresidente dos EUA, Mike Pence, cualificou de "innovadora" a resposta do gobernador republicano Ron DeSantis á pandemia, a pesar dos sucesivos récords de infeccións diarias.
DeSantis, aliñado co presidente Donald Trump e impulsor da apertura económica da Floria en plena onda crecente de positivos da covid-19, insistiu en que o aumento obedece a máis novos infectados e fixo un chamamento aos maiores de 65 anos a estaren afastados das multitudes e minimizaren os contactos persoais fóra de casa.
O Brasil, México e Colombia soben
Namentres, seguen as malas noticias. No Brasil, segundo un estudo do Ministerio de Saúde, habería polo menos 8 millóns de persoas contaxiadas por coronavirus, cinco veces máis que o número de casos confirmados polo Goberno (case 1,5 millóns).
Ademais o virus segue sen dar tregua ao xigante suramericano, que rexistrou 1.252 falecementos de covid-19, co que a cifra total de vítimas mortais subiu ata as 61.884, mentres que o número de casos xa excede os 1,49 millóns de infectados.
México, pola súa banda, rexistrou este xoves un novo récord de casos confirmados, con 6.741 infeccións, e chegou a un acumulado de 238.511, ademais de reportar 679 mortes para sumar 29.189 desde o inicio da pandemia en febreiro pasado. Os casos rexistrados nesta última xornada superan os 6.288 contaxios do pasado 23 de xuño.
Colombia completou este xoves cen días de corentena polo coronavirus con 106.110 contaxios e 3.641 mortes, segundo o boletín diario do Ministerio de Saúde, que o xoves informou de 4.101 casos novos e un récord de 171 falecidos.
O Perú e Chile baixan
Na balanza positiva aparecen en cambio O Perú e Chile. Ambos os países da franxa do Pacífico americano presentan mellores datos despois de semanas con curvas de contaxio á alza.
O ministro de Saúde de Chile, Enrique Paris, dixo que o seu país experimenta unha "leve melloría" ao producirse no últimos sete días un descenso do 25 % nos casos de coronavirus, que chegan xa a 284.541, á vez que se contabilizan un total de 5.920 mortes.
No Perú as autoridades lembraron aos cidadáns que a epidemia "non caduca por un decreto supremo" e insistiron en manter medidas sanitarias e de distanciamento cando se cumpriu o segundo día do fin da corentena total no país.
Estas advertencias coinciden co informe segundo o cal se superaron os 10.000 falecidos pero xa hai menos de 100.000 casos activos da enfermidade.
A Arxentina rexistra 2.744 novos casos
A Arxentina rexistrou este xoves 2.744 novos casos da covid-19, cos que o número total de contaxios ascendeu a 69.941, mentres que os falecementos suman 1.385, tras rexistrárense 22 novas mortes.
O informe diario vespertino que difunde o Ministerio de Saúde arxentino precisou que os 22 decesos verificados nas últimas horas corresponden a dez homes e doce mulleres.
Os falecidos, con idades que van dos 38 aos 100 anos, eran residentes da capital do país e das provincias de Bos Aires e Chaco (norte).
Un coronavirus que elimina empresas
Os organismos rexionais seguen tomando a temperatura á enferma economía de América Latina. A Cepal (Comisión Económica para América Latina e o Caribe) asegurou este xoves que o parón polas corentenas provocará o peche de 2,7 millóns de empresas formais, a maioría delas pequenas pemes, e iso carrexará a destrución de 8,5 millóns de empregos.
Para a Cepal, o comercio perderá 1,4 millóns de empresas e 4 millóns de postos de traballo, e no turismo destruiranse polo menos 290.000 empresas e un millón de empregos.
A actual pandemia xerará a peor recesión na historia de Latinoamérica, cunha contracción do PIB rexional dun 5,3 % este ano e un aumento da taxa de pobreza do 30,3 % ao 34,7 % da poboación.