CRTVG

Buscar

Os EUA rexistran unha de catro mortes por coronavirus no mundo, con máis de 50.000 falecidos

Publicado o 24/04/2020 18:07
Os EUA rexistran unha de catro mortes por coronavirus no mundo, con máis de 50.000 falecidos

Os Estados Unidos suma máis de 50.000 falecidos pola pandemia do coronavirus, segundo datos da Universidade Johns Hopkins. O país con máis mortos pola pandemia rexistra case un de cada tres contaxios mundiais e unha de cada catro mortes. En total infectáronse máis de 870.000 persoas e hai 50.031 falecidos.

O Reino Unido achégase a 20.000 vítimas mortais

O número de mortes rexistradas en hospitais do Reino Unido pola COVID-19 aumentou este venres en 684, ata un total de 19.506 falecidos desde que comezou a pandemia, informou o Ministerio de Saúde. Os casos da enfermidade confirmados aumentaron en 5.386, despois de que o número de tests realizados en vinte e catro horas alcanzara os 28.532, fronte aos 23.560 anteriores.

Italia achégase a 26.000 mortos e segue reducindo a cifra de positivos 

Italia rexistra hoxe 25.969 falecidos con coronavirus, 420 máis en 24 horas, unha cifra inferior aos dous últimos días, pero os novos casos de contaxios volveron superar a barreira dos 3.000, ata 3.021. Con eles, desde que se detectou o primeiro caso autóctono de COVID-19 en Italia o 21 de febreiro, o país contabiliza xa 192.994 contaxios totais, incluíndo aos falecidos, os curados e os enfermos actuais.

Estes últimos seguen descendendo toda esta semana e son hoxe 106.527, 321 menos que o xoves, mentres que os curados desde o inicio da crise son xa 60.498 (2.922 as últimas 24 horas), e seguen reducíndose os hospitalizados e persoas en coidados intensivos. 

Francia rexitra 22.245 mortos dende o inicio da pandemia

Este venres o balance total de mortos en Francia é de 22.245, tras sumar 389 vítimas mortais nas últimas 24 horas. Destas últimas mortes, 305 producíronse en hospitais, segundo informaron as autoridades sanitarias. Desde o pasado 1 de marzo morreron en Francia 13.852 persoas en hospitais e 8.393 en residencias de anciáns e centros de dependencia, sobre os que o Goberno recibe datos de forma paulatina, polo que o aumento diario de 84 falecementos nesta ocasión non se axusta necesariamente a esa franxa temporal. Das 86.657 persoas hospitalizadas por  COVID-19 desde o principio da epidemia, seguen ingresadas 28.658 e hai 4.870 nas UCI. Francia ten confirmados 122.577 casos de coronavirus, dos que 1.773 sumáronse o último día.


Noticias web

24/04/2020