CRTVG

Buscar

EUA presenta cargos contra Maduro e outras 14 figuras do chavismo por narcotráfico

Publicado o 26/03/2020 17:51
EUA presenta cargos contra Maduro e outras 14 figuras do chavismo por narcotráfico
O Goberno dos Estados Unidos anunciou este xoves cargos contra o presidente venezolano, Nicolás Maduro, e outras 14 figuras do chavismo, así como contra dous disidentes da antiga guerrilla das FARC por narcotráfico, lavado de diñeiro e terrorismo.
"Teño unha mensaxe para os altos cargos do chavismo: a festa estáselles acabando", manifestou nunha conferencia de prensa a fiscala xeral do distrito sur da Florida, Ariana Fajardo Orshan.
Os fiscais da Florida e Nova York, onde se presentaron os cargos, aseguran que durante os últimos 20 anos, desde que o defunto presidente Hugo Chávez asumira o poder en 1999, o Executivo venezolano estivo conspirando coas FARC para ingresar en territorio estadounidense toneladas de cocaína. O fiscal xeral dos EUA, William Bar, asegurou que desde 1999 Maduro e outros altos cargos do chavismo, como Diosdado Cabello, presidente da Asemblea Nacional Constituínte (ANC), forman parte do Cártel dos Soles, cuxo nome se refire ás insignias que levan nos uniformes os militares venezolanos de alto rango.
Segundo Barr, Maduro, como "líder" do Cártel dos Soles, e os outros funcionarios venezolanos traballaron cos disidentes das FARC para facer chegar aos EUA a través do Caribe e varios países de América central, incluído Honduras, unhas 250 toneladas de cocaína por ano. "O anuncio de hoxe busca erradicar a extensa corrupción dentro do Goberno venezolano", subliñou Barr.