CRTVG

Buscar

Os EUA obrigan seis aeroliñas comerciais a axudar na evacuación de Cabul

Publicado o 23/08/2021 09:40

A situación no aeroporto de Cabul segue sendo caótica, onde milleiros de familias intentan por todos os medios fuxir do país. Polo menos sete persoas morreron nunha avalancha nas últimas horas. As Forzas armadas alemás informaron que acaba de producirse un tiroteo nos exteriores do aeródromo entre o exército afgán, o estadounidense e asaltantes descoñecidos, no que morreu un militar afgán e outras tres quedaron feridas.

Cumpriuse unha semana de que os talibáns tomaron o poder en Afganistán e a súa capital segue sumida no caos. Sobre todo, o aeroporto, onde continúan amoreados centos de familias que intentan subir a un avión. Nesta semana, xa morreron vinte persoas nas desbandadas e polos disparos ao aire dos soldados estadounidenses e británicos para manter o control.

Os talibáns responsabilizaron os Estados Unidos do caos no aeroporto. De feito, nas últimas horas, puido verse a talibáns organizando á xente en ringleiras.

Pero as evacuacións estanse ralentizando. Unhas evacuacións ás que van axudar 18 avións de varias aeroliñas comerciais ás que o presidente Biden pediu asistencia. Polo momento a xigantesca operación de rescate prosegue, e xa lle permitiu a saída do país a máis de vinte mil persoas. O Goberno británico avoga por continuar coas evacuacións máis aló do 31 de agosto, iso si, se se manteñen as tropas americanas, que teñen o control do aeroporto. Están mantendo conversas coas autoridades estadounidenses para ampliar ese prazo e poder sacar o maiorr número de persoas.

Pero sobre o terreo as cousas complícanse cada día. A embaixada estadounidese na capital pediulles aos seus cidadáns que eviten a viaxe por perigosa ao aeroporto a menos que reciban informacións directas. Tamén o fixo Alemaña. E é que por se fora pouco o que están pasando e non corresen perigo dabondo xa cos talibáns, a Casa Branca alertou que a ameaza dun ataque terrorista contra a xente que rodea o aeródromo por parte do Estado Islámico, rival do talibáns, é real e persistente.

E mentres o autodenominado Emirato Islámico mantén o control sobre Cabul, os seus dirixentes negocian a formación dun novo goberno, que se debate entre ofrecer unha imaxe conciliadora ante a comunidade internacional, basicamente para recibir os seus fondos, e manter a liña máis fundamentalista, que lle recorta dereitos ás mulleres e silencia os seus opositores.

Así, moitos observan con esperanza a este home, o fillo do León de Panhsir, Ahmad Masou, fillo dun líder histórico, que está organizando a resistencia aos talibáns.


 

Noticias web

23/08/2021