CRTVG

Buscar

Os EUA advirten dunha semana moi dura, e Nova York supera as 4.000 mortes

Publicado o 06/04/2020 07:07

O estado de Nova York, o epicentro da COVID-19 nos Estados Unidos e no mundo, anunciou este domingo que o coronavirus causou 4.159 mortes e 122.031 contaxios, mentres as autoridades advertían de que esta semana o país vivirá un "momento como o de Pearl Harbor, como o do 11S".

O gobernador de Nova York, Andrew Cuomo, que o sábado aseguraba que o pico de contaxios en Nova York chegaría nos próximos sete días, declarou que o estado podería chegar xa ao momento máis elevado dos contaxios, aínda que advertiu de que no canto dunha redución das mortes e os casos, o que se podería producir é unha "plataforma" cun período en que se rexistren cifras elevadas de mortos.

"Estamos a ver a evolución desta historia, estamos a ver o desenvolvemento da narración. Todos estamos a ver unha película, todos estamos a esperar a ver a seguinte escena porque segundo se desenvolve a película empeza a entenderse a historia cada vez mellor", dixo Cuomo para referirse a que se necesita que pasen varios días para saber en que momento se atopa a expansión da pandemia, que no país causou máis de 9.000 mortes, segundo o propio gobernador.

Unha chamada á coordinación nacional

Na súa conferencia de prensa diaria, Cuomo lembrou que todos os hospitais e redes sanitarias públicas e privadas da rexión que goberna traballaban agora de maneira conxunta para repartir subministracións e recursos e enviar enfermos duns centros a outros co obxecto de aliviar a presión nas zonas máis afectadas e pediu ás autoridades federais que fixesen o mesmo en toda a nación.

"Todo o mundo fala das reservas (médicas) do Goberno federal, pero non hai suficiente nas reservas federais para axudar a Nova York e a Ilinois e Texas e Florida e California... Simplemente, non é unha opción. A única opción que vexo é un despregamento nacional. Todo o mundo di que estamos en tempos de guerra, estamos en guerra e o virus é o inimigo", dixo  Cuomo.

O gobernador, que agradeceu ao estado de Oregón o envío de 140 ventiladores, pediu que se axudase hoxe a Nova York para enviar recursos despois ao lugar máis afectado pola pandemia.

"O mesmo que estamos a facer en Nova York nun microcosmos, cambiando recursos do Bronx a  Queens ou a Nassau, hai que mover os recursos nacionais", subliñou.

Un momento como o de Pearl Harbor, como o do 11S

Mentres tanto, desde Washington, o director xeral de saúde pública do Goberno estadounidense,  Jerome Adams, asegurou nunha entrevista á cadea de televisión Fox News que esta "vai ser a semana máis dura e triste das vidas da maioría dos estadounidenses".

"Este vai ser o noso momento (similar ao) de Pearl Harbor, do 11S, só que non vai estar concentrado nun mesmo sitio. Vai ocorrer por todo o país", agregou.

O número de casos confirmados nos Estados Unidos supera os 318.000, e o de mortos os 9.000, con Nova York á cabeza (con 122.031 contaxiados e 4.159 mortos), seguido de Nova Jersey (34.124 contaxiados e 847 mortes), Michigan (14.225 contaxiados e 540 mortos), California (13.796 contaxiados e 323 mortos) e Louisiana (12.496 contaxiados e 412 mortos), segundo os datos achegados por Cuomo.

O principal  epidemiólogo do país, Anthony Fauci, dixo pola súa banda á cadea CBS News que a próxima "vai ser unha mala semana", pero confiou en que "no prazo dunha semana, quizá un pouco máis, se empeze a ver un aplanamento da curva e un descenso".

Fauci matizou que non se pode dicir que os EUA teñan a crise "baixo control, porque iso sería unha declaración falsa", pero opinou que as medidas para conter os contaxios, con máis do 90 % da poboación baixo ordes de quedar na casa, "están a funcionar claramente".

Menos prudente se mostrou o presidente dos EUA, Donald Trump, que nunha conferencia de prensa a última hora da tarde volveu expresar a súa vontade de que o país volva á normalidade canto antes e asegurou que xa ve "a luz ao final do túnel".

A doutora Deborah Birx, que coordina o grupo de traballo para o coronavirus, dixo que o descenso no número de casos diarios confirmados en Italia e España dálle "esperanza sobre o que podería ser o futuro" dos EUA, que vai "uns 12 días" por detrás da traxectoria deses países.

Trump explicou que para o martes chegarían uns 3.000 militares médicos e enfermeiras a Nova York e os seus arredores e que se está acelerando o envío de respiradores a Nova Jersey,  Illinois ou Luisiana.