Os EUA acordaran cos talibáns que escoltasen grupos de estadounidenses ata o aeroporto de Cabul
• Os talibáns declaran a "total independencia" de Afganistán e festexan a retirada dos EUA
• Os EUA dan por rematada a súa misión en Afganistán tras 20 anos de guerra

EFE
Os Estados Unidos acordaron secretamente cos talibáns que escoltasen grupos de estadounidenses ata o aeroporto de Cabul, onde eran esperados para a súa evacuación de Afganistán, revelaron este martes medios locais.
A cadea CNN deu a coñecer detalles dun "acordo secreto" entre o exército estadounidense e os talibáns como parte da operación de evacuación e retirada dese país, que concluíu o luns e supuxo o fin da guerra de 20 anos que os EUA libraron en chan afgán.
Como parte do acordo, os talibáns recollían aos estadounidenses en "puntos de reunión" establecidos nos arredores do aeródromo Hamid Karzai de Cabul, indicou CNN, que citou dous funcionarios do Departamento de Defensa que falaron baixo a condición do anonimato.
Neses lugares, os talibáns verificaban as credenciais dos estadounidenses e posteriormente conducíanos unha curta distancia ata a instalación aérea. Xa no aeroporto, as forzas estadounidenses estableceron unha "porta secreta" pola que accedían os seus cidadáns abríndose paso no medio dos miles de persoas, principalmente afgáns, que agardaban para entrar.
Ademais, segundo a CNN, puxéronse en marcha centros de atención telefónica para guiar os estadounidenses na súa ruta cara ao aeroporto afgán.
O asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca Jake Sullivan dixo este martes que nas últimas semanas entre 5.500 e 6.000 estadounidenses foron evacuados de Afganistán. Sullivan cifrou nun centenar o número de estadounidenses que permanecen en Afganistán, despois de que o Pentágono e o Departamento de Estado informasen de que quedaban menos de 200 estadounidenses nese país.
Os Estados Unidos aceleraron a súa operación de saída e evacuación de Afganistán desde o pasado 14 de agosto, un día antes de que os talibáns tomasen o poder en Cabul.