Os EUA achacan a traxedia do avión ucraíno á ambición neglixente de Irán
Trump di que segue de preto as protestas dos iranianos despois de que o Goberno do país persa admitira que derrubou por erro o avión civil ucraíno.
O estadounidense afirma que apoia a poboación e que se inspira coa súa coraxe, e esixiulle a Irán que non actúe contra as manifestacións. Nun chío puntualizou que o mundo está observando.
Gran Bretaña denunciou que o seu embaixador en Teherán foi detido brevemente polas autoridades iranianas logo de participar nunha vixilia polos mortos que acabou en protesta.
O primeiro ministro do Canadá, de onde eran 57 dos pasaxeiros do avión, reclamoulle a Irán que O Canadá estea presente en todos os aspectos da investigación.
Trudeau subliñou que Irán debe asumir toda a responsabilidade e que O Canadá non descansará ata que se faga xustiza, como merecen as familias das vítimas.
Irán circunscribe o erro que os levou a derrubar o avión á tensión cos Estados Unidos, incrementada desde que as forzas norteamericanas asasinaron o comandante Soleimaní. A Administración Trump, porén, volveu afirmar que matar a Soleimaní foi un acerto que mellora as posibilidades de negociación con Irán.