CRTVG

Buscar

Os estudantes franceses volven ás aulas

Publicado o 01/09/2020 14:12

Alumnos de secundaria nun colexio de París. Antes de entraren, desinfectan as mans. Unha medida de seguridade nunha volta á clase con máscaras. Máis de 12 millóns de escolares franceses volvían hoxe ás aulas. Tamén en Bélxica, abren as escolas; alí a máscara será obrigatoria para os maiores de 12 anos. En Italia só volven os alumnos de secundaria, unha proba antes de que abran as escolas de primaria a partir do 14 de setembro.

A escena repetiuse en varios países. En Israel volveron á clase dous millóns de alumnos de preescolar, primaria e secundaria. Antes de entrar tómanlles a temperatura. O Goberno fixo un grande investimento en ordenadores e contratou 13.000 novos profesores. Non van ter máis de 18 alumnos por clase.

En Rusia empeza o curso cunha festa de benvida. En primaria as máscaras non son obrigatorias, pero si noutros niveis educativos.

Nos Estados Unidos alternan clases presenciais e telemáticas, unha volta á clase virtual en Miami viuse frustrada por problemas técnicos.

Dende que comezaron as clases presenciais, nas escolas da Florida dectectáronse case 1.400 casos.

Noticias web

01/09/2020