CRTVG

Buscar

Os estranxeiros achegan o 10% á Seguridade Social e reciben o 0,9%

Publicado o 16/12/2019 11:15
Os estranxeiros achegan o 10% á Seguridade Social e reciben o 0,9%

Os traballadores estranxeiros achegan o 9,9 % dos ingresos da Seguridade Social a través das súas cotizacións, mentres que perciben o 0,9 % do gasto do sistema en forma de pensións.

Así se desprende dun informe elaborado pola UXT e presentado este luns, co que trata de "desmontar os estereotipos falsos e terxiversados que incitan aos discursos de odio e rexeitamento contra a poboación inmigrante".

A campaña #TrabajoLibreDeBulos que a UXT está a desenvolver trata "romper os bulos no ámbito laboral e social", promovendo a igualdade de oportunidades dun colectivo vulnerable como o dos inmigrantes, explicou a vicesecretaria xeral do sindicato, Cristina Antoñanzas.

Fronte á súa achega á Seguridade Social, "non chegan nin a 27.000 persoas os perceptores dunha pensión doutros países, respecto a os 9 millóns de pensionistas", detallou a responsable de Migracións de UXT, Ana Maria Corral, "o que ten que ver con que é unha poboación fundamentalmente nova".

Ademais do impacto sobre a Seguridade Social, as arcas do Estado perderían un 4,5 % da súa recadación sen os traballadores estranxeiros, ao que se sumaría a perda de ingresos con base noutros conceptos fiscais.

"A migración ten efectos moi positivos sobre a economía e a sociedade, xa que sen eles seriamos unha poboación moito máis envellecida e teriamos un Estado de Benestar máis reducido", asegurou  Antoñanzas.

"Se marchasen todos os inmigrantes de España, desaparecería o 15 % da poboación", cuantificou Antoñanzas, cifra que ascendería ao 16 % se se ten en conta a poboación activa.

Iso tería un maior impacto sobre a natalidade do país, xa que, segundo a estatística de nacementos, son estranxeiras as nais do 21 % dos nenos nados entre xaneiro e xuño de 2019.

"Se prescindísemos deles, o problema do envellecemento sería moito máis acusado", dixo Corral.

Ademais, o estudo detalla que o gasto dos fogares descendería o 9,2 % sen a poboación estranxeira e iso tendo en conta que o seu gasto é menor ao dos españois, debido á súa menor renda (6.715 euros fronte a 12.282 dos nacionais) e maior taxa de pobreza (que chega ao 50 %).

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí