CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos superan os 100.000 mortos por COVID-19

Publicado o 28/05/2020 07:14
Os Estados Unidos superan os 100.000 mortos por COVID-19

Os Estados Unidos superaron este mércores os 100.000 falecidos pola COVID-19. Convértense así no primeiro país no mundo que pasa esa cifra, mentres a reapertura económica e social avanza no medio dos chamamentos á prudencia dos médicos e o preocupante aumento de casos nalgúns estados.

Ás 20:00 hora local (00:00 GMT do xoves), os mortos eran 100.276 (1.401 máis que o martes) e os contaxios 1.698.581 (outros 18.280), de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.

Deste xeito, o número de mortos nos Estados Unidos alcanzou xa a cota máis baixa das estimacións iniciais da Casa Branca, que proxectou no mellor dos casos entre 100.000 e 240.000 mortes por mor da pandemia.

A cifra alcanzouse mentres o director do Instituto Nacional de Enfermidades Infecciosas e un dos líderes do grupo de traballo da Casa Branca, Anthony Fauci, fixo un chamamento á prudencia no proceso de reapertura. "Non empecemos a saltar as recomendacións dalgunhas das directrices porque é realmente tentar a sorte e buscar problemas", dixo.

Prudente optimismo

Os estados do país, que lideran o operativo, tratan de atopar un equilibrio entre o impulso da actividade económica e a cautela para evitar rebrotes. "Estou orgulloso do que logramos, pero non podemos adormecer nos loureiros. Debemos aumentar o número de tests e necesitamos alentar os cidadáns de Xeorxia para que fagan diso unha prioridade", aseverou esta fin de semana Brian Kemp, gobernador republicano do estado sureño e un dos primeiros en levantar as medidas.

Tras semanas de confinamento, o estado de Illinois e o distrito capital, Washington D. C., anunciaron o inicio do levantamento dalgunhas das restricións. Con todo, a alcaldesa da capital estadounidense, Muriel Bowser, precisou que en realidade se pasa dun confinamento estrito a "un confinamento lixeiro".

Este martes, o alcalde dos Ánxeles, Eric Garcetti, anunciou a autorización do acceso ás piscinas con restricións e as compras de baixo risco no interior das tendas, mentres que Keisha Lance Bottoms, a alcaldesa de Atlanta, a maior cidade de Xeorxia, indicou que a cidade pasaría esta semana á fase dúas do plan de reapertura.

A pesar da tendencia á baixa, e a insistencia de Trump na melloría bautizada como "Transición á Grandeza", os datos mostran un repunte de contaxios en 15 estados do país, entre eles Florida, Virxinia, Carolina do Norte, Arkansas, Wisconsin, e Alabama, entre outros.

A máscara como símbolo

Outro motivo de preocupación son os millóns de estadounidenses que acudiron ás praias e outros lugares públicos para pasar a longa fin de semana do Día dos Caídos, coa que se dá inicio informal ao verán nos EUA e é unha ocasión para estar en familia ou participar en actividades ao aire libre.

As imaxes de multitudes en praias e zonas de recreo, desde Virxinia ou Florida na costa este, ata Alabama, Texas e Luisiana na costa do golfo, fixeron soar as alarmas entre os profesionais sanitarios polo temor a rebrotes nos próximos días.

Neste sentido, Fauci recalcou a importancia de levar máscara en lugares públicos non só como medida de protección senón tamén como "símbolo para que a xente vexa que é o que se debería facer".