CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos suman xunto ao Brasil un terzo de todos os contaxios mundiais

Publicado o 23/06/2020 07:30
Os Estados Unidos suman xunto ao Brasil un terzo de todos os contaxios mundiais

Desde que o epicentro da pandemia da COVID-19 se trasladou de Europa a América, os Estados Unidos e O Brasil encabezan a lista munidal de contaxios. Entre os dous países, os máis poboados do continente, suman máis de 3.400.000 contaxios dos algo máis de nove millóns confirmados en todo o mundo.

Os EUA superan os 120.000 mortos e 2,31 millóns de contaxios

Os Estados Unidos alcanzaron este luns a cifra de 2.310.334 casos confirmados de COVID-19 e 120.384 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins. Este balance ás 20:00 hora local (00:00 GMT do martes) é de 35.015 contaxios máis que o domingo e de 435 novas mortes.

O aumento de casos en estados como California, A Florida, Texas e Arizona volveu poñer os EUA por encima dos 30.000 contaxios diarios, unha cifra que xa pasou o pasado venres e que non se alcanzaba desde principios de maio.

Nova York mantense como o estado máis golpeado pola pandemia con 388.488 casos confirmados e 31.176 falecidos, unha cifra só por baixo do Brasil, o Reino Unido e Italia. Tan só na cidade de Nova York morreron 22.321 persoas. 

A Nova York séguena a veciña Nova Jersey con 12.974 mortos, Massachusetts con 7.873 e  Illinois con 6.671.

Canto a contaxios, California é o segundo estado, só por detrás de Nova York, con 183.554.

Con máis de 51.000 mortos, O Brasil convive coas crise sanitaria e política

O Brasil excedeu este luns os 51.000 mortos por coronavirus e os 1,1 millóns de enfermos confirmados, no medio dunha crise sanitaria que convive coas serias turbulencias políticas desatadas ao redor do Goberno do ultradereitista Jair Bolsonaro.

Segundo o último boletín do Ministerio de Saúde, o país chegou este luns a un total de 51.271 falecementos, ten 1.106.470 de casos confirmados e ratifícase como un dos grandes focos mundiais da pandemia.

O Goberno de Bolsonaro, máis preocupado cunha crise política vinculada a asuntos de corrupción que tramitan en tribunais, parece distanciado da situación sanitaria, cuxa resolución deixou en mans das Administracións rexionais e municipais, responsables das medidas de illamento social que o mandatario censura.

Pero as controversias sobre a xestión do Goberno de Bolsonaro fronte ao coronavirus, que parece ignorar, teñen reflexos tamén no ámbito rexional e municipal, nos que non son poucas as discordias.

Unha das maiores está instalada no estado do Río de Xaneiro, un dos máis afectados polo  patóxeno e onde este luns dimitiu o secretario de Saúde do Goberno rexional, Fernando Ferry, que anunciou a súa saída nun vídeo difundido por internet no cal confesou que non soportou a "presión" e pediu desculpas. "Quero dicir que o tentei", declarou.

A un tempo coa crise sanitaria, Bolsonaro está fronte a unhas turbulencias políticas que teñen no ollo do furacán o seu fillo Flavio, senador salpicado por asuntos de corrupción que levaron a prisión un dos seus exasesores.

México supera os 22.000 decesos pola COVID-19

México rexistrou este luns 759 defuncións e 4.577 novos casos da COVID-19 para acumular 185.122 contaxios e 22.584 mortos desde o inicio da pandemia en febreiro pasado, informaron as autoridades de Saúde.

Ao presentar o informe técnico da enfermidade, o director de  Epidemiología, José Luis Alomía, indicou que os casos confirmados aumentaron un 2,5 % con respecto aos 180.545 rexistrados ata este domingo.

As 759 defuncións notificadas esta xornada representaron o 3,7 % de aumento en comparación co rexistro do día anterior.

As afectacións ao emprego, os ingresos e a alimentación durante a pandemia poderían levar á pobreza ao 76 % dos mexicanos, revelou este luns unha enquisa do Instituto de Investigacións para o Desenvolvemento con Equidade (Equide).

Venezuela supera os 4.000 casos no medio de "rebrote perigoso"

Venezuela chegou este luns aos 4.048 casos de COVID-19 no medio dun "rebrote perigoso" da enfermidade en varias cidades do país, informaron as autoridades.

"Estamos a sufrir un rebrote perigoso do coronavirus na maioría das cidades grandes do país", dixo o presidente venezolano, Nicolás Maduro, durante un acto cultural con parte do seu equipo de Goberno.

Este rebrote, segundo o mandatario, débese ao impacto que ten a pandemia en países veciños como Colombia e Brasil, de onde provén a maioría dos 60.942 venezolanos que retornaron a Venezuela no últimos tres meses.

A curva na Arxentina segue o seu ascenso tras novo récord diario

A Arxentina rexistrou 2.146 novos casos de coronavirus este luns para elevar o seu número total de positivos a 44.931, no que significou un novo récord diario, mentres a curva de contaxios segue o seu ritmo ascendente.

O Ministerio de Saúde anunciou ademais que durante as últimas 24 horas houbo 32 novos falecidos no país con COVID-19, cos que as mortes suman 1.043.

O foco de contaxios continúa situado na área Metropolitana de Bos Aires (AMBA), formada pola capital e polo seu amplo cordón urbano pertencente á provincia de Bos Aires, de onde procederon a maioría dos novos casos e falecementos. En ambas as xurisdicións superáronse este luns os 20.000 casos totais.