CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos suman 3.927 mortes, a cifra máis alta desde o inicio da pandemia

Publicado o 31/12/2020 08:44
Os Estados Unidos suman 3.927 mortes, a cifra máis alta desde o inicio da pandemia

Os Estados Unidos chegaron este mércores a 19.715.899 casos confirmados e a 341.845 falecidos pola covid-19, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.

Este balance é de 3.927 mortes máis que o martes e de 189.671 novos contaxios. A cifra de falecidos nun só día é a máis alta desde o inicio da pandemia, superando aos 3.628 que o fixeran na véspera.

O estado de Nova York segue como o máis golpeado do país pola pandemia con 37.868 mortos, seguido por Texas (27.895), California (25.357), A Florida (21.550) e Nova Jersey (19.109).

En canto a contaxios, California suma 2.267.290, séguelle Texas con 1.759.036, terceiro é A Florida con 1.306.123, Nova York é cuarto con 998.524 e Illinois quinto con 955.380.

O coñecido inmunólogo estadounidense Anthony Fauci asegurou este domingo que o peor da pandemia aínda estaba por chegar. A campaña de vacinación xa comezou no país, e case tres millóns de pesoas recibiron a primeira dose, pero aínda é pronto para que a inmunización permita mitigar o incremento diario de casos.

O Instituto de Métricas e Avaliacións de Saúde (IHME) da Universidade de Washington, en cuxos modelos de predición da evolución da pandemia se fixa a miúdo a Casa Branca, calcula que cando  Trump abandone o poder o próximo 20 de xaneiro morrerían 420.000 persoas e para o 1 de abril 560.000.