CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos volven a cifras de abril e tocan o récord de contaxios diarios

Publicado o 25/06/2020 07:23
Os Estados Unidos volven a cifras de abril e tocan o récord de contaxios diarios

Os Estados Unidos sumaron este mércores uns 36.000 novos contaxios de coronavirus, unha cifra récord moi parecida ás rexistradas a finais de abril, durante o pico da pandemia na rexión de Nova York.

Ao non existir un reconto uniforme, os números difiren entre as distintas fontes, pero segundo The Washington Post este foi o día con máis contaxios desde o inicio da pandemia, mentres que The New York Times dixo que foi o segundo, detrás do 24 de abril.

Tras alcanzar ese pico con máis de 30.000 casos diarios a finais de abril, as ordes de confinamento lograron reducir os contaxios por baixo dos 20.000 ao día a principios de xuño, pero a repunta actual volveu situar a pandemia en máximos.

Se en abril a rexión máis afectada era a dos estados da Costa Leste, e en particular a cidade de Nova York, esta vez son Florida, California, Texas, Arizona, Xeorxia e as Carolinas os que están a rexistrar o aumento meteórico de casos.

As mortes, con todo, non se dispararon e promedian menos de 1.000 diarias, lonxe das 2.500 que se alcanzaron en abril.

En total, os Estados Unidos son o país do mundo máis afectado pola pandemia, con 2.378.648 casos confirmados e 121.932 mortes, máis do dobre do segundo, que é O Brasil.

Corentena en Nova York

O golpeado estado de Nova York e os seus veciños Nova Jersey e Connecticut impoñerán unha corentena de 14 días aos viaxeiros procedentes de focos de COVID-19 nos Estados Unidos para evitar novos contaxios na rexión do país máis castigada pola pandemia, segundo anunciou este mércores o gobernador Andrew Cuomo.

Nunha conferencia de prensa, Cuomo explicou que Nova York, que foi o epicentro do coronavirus nos EUA, traballou " moi duro para reducir a taxa de transmisión", e as autoridades non queren que eses avances se revertan ao recibir viaxeiros doutros estados que "literalmente traen con eles a infección".

Especificou que neste momento a corentena se aplicaría a viaxeiros de Alabama, Arkansas,  Arizona, Florida, Carolina do Norte e do Sur, Washington, Utah e Texas, pero matizou que eses focos "poden cambiar", por tanto, as autoridades "actualizarán diariamente" quen están suxeitos á orde.

Picos sen precendetnes

A Florida e Texas experimentaron nas últimas 24 horas un récords de casos, con 5.508 e 5.551 novos contaxios confirmados, mentres que California e Arizona fixeron o propio o martes, con 7.149 e 3.593, respectivamente.

O gobernador da Florida, o republicano Ron DeSantis, indicou que este aumento no número de  contaxios se debe a unha combinación do incremento nas probas realizadas e o contacto "natural" entre a poboación nova, que explicaría en parte que as mortes non se dispararon.

O de California, Gavin Newsmon, dixo que "dalgúns se diría que desenvolveron un pouco de amnesia, outros baixaron francamente a garda". O de Texas, Greg Abbott, un dos primeiros en apurar a reapertura, pediu aos seus cidadáns que volvan quedar na casa.

Trump corta fondos

O Goberno do presidente Donald Trump cortará os fondos que achega a 13 centros comunitarios que fan probas de coronavirus, sete deles en Texas, aínda que estes seguirán abertos con financiamento estatal e local.

A pesar dos comentarios recentes de Trump para culpar do aumento de casos nos EUA o incremento de probas, o funcionario encargado dos tests en todo o país, o almirante Brett Giroir, defendeu que a decisión estaba prevista hai tempo e que o Goberno está a usar eses fondos para ampliar a capacidade de facer probas.

O senador republicano por Texas, Ted Cruz, con todo, pediu a Trump que manteña e amplíe os fondos para estes centros.