CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos rexistran un novo récord diario de mortes por coronavirus

Publicado o 07/01/2021 12:39
Os Estados Unidos rexistran un novo récord diario de mortes por coronavirus

Os Estados Unidos rexistraron o mércores, por segundo día consecutivo, un novo récord de vítimas mortais por coronavirus cun total de 3.865 falecementos, segundo datos publicados este xoves pola Universidade Johns Hopkins.

Segundo avanzan medios locais, trátase do día máis mortífero rexistrado no país desde que se iniciou a pandemia, e supera o rexistrado o martes, con 3.775 mortes.

Onte confirmáronse 253.145 novos casos de covid-19 en todo o país, o que tamén marca o segundo día consecutivo en que o país informou de máis de 200.000 novas infeccións confirmadas.

Os Estados Unidos mantéñense como o país máis afectado do mundo pola pandemia, cun total de 21,3 millóns de infectados e tamén ocupa o primeiro posto en mortos, xa que se rexistraron máis de 361.000.

O país vive unha grave repunta da covid, con moitos estados rexistrando récords de hospitalizacións, e os expertos temen que a situación empeore pola chegada da cepa británica do virus, máis contaxiosa.