CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos pactan cos talibáns vías seguras para as evacuacións

Publicado o 18/08/2021 15:32

A maioría civil en Afganistán non cre na palabra dos talibáns, que declaran amnistía xeral, aseguran que non haberá vinganzas contra os que colaboraron coas forzas estranxeiras e que se respectarán os dereitos das mulleres, iso si, baixo a lei islámica. E por iso continúan os intentos de fuxir do país.

O aeroporto de Kabul segue sendo a principal vía de escape. Un funcionario da OTAN informou de que se produciu unha desbandada alí, con polo menos 17 feridos.

O mundo segue coa vista posta no que sucede no país e nas redes sociais proliferan estes días imaxes de avións sobrecargados, unhas reais, outras directamente falsas.

No campo diplomático, Estados Unidos pactou cos talibáns un permiso ata finais de agosto para que permitan as saídas de civís a través do aeroporto de Kabul. Segundo a axencia Reuters, máis de 2.200 diplomáticos foron evacuados do país en voos militares, ademais dos civís.

Para abrir vías seguras de evacuación, o xefe da diplomacia europea ve inevitable dialogar cos talibáns.

Esta intención de dialogar cos talibáns comunicouna Borrell durante a conferencia de ministros de Exteriores da Unión Europea. E así reaccionaba esta xornalista afgá, asentada en Bruxelas.

Lailuma Sadid, xornalista afgá en Bruxelas. "Suplícolles que non recoñezan os talibáns, sen condicións. Non queremos volver atrás, queremos ir cara adiante, por favor".

Respondíalle Borrell que tiñan que falar con eles porque gañaron a guerra.

Hoxe hai reunión dos ministros do Interior da Unión Europea para abordar o tema dos migrantes, sobre o que cada país ten unha postura diferente pero todos intentan evitar unha avalancha de refuxiados nas súas fronteiras e unha nova crise humanitaria.

Noticias web

18/08/2021