CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos e Israel anuncian a súa saída da UNESCO

Publicado o 13/10/2017 09:01

Os Estados Unidos retíranse da UNESCO. Din que o fan porque esta Axencia da ONU precisa unha reforma e pola súa presunta tendencia anti Israel. Pouco despois, o Goberno de Netanyahu anunciaba tamén a súa marcha do organismo. 

A retirada dos Estados Unidos da UNESCO farase efectiva o 31 de decembro de 2018. Daquela, Estados Unidos quedará como un país observador. Dende que Donald Trump chegou á Casa Branca, Washington denunciou a parcialidade das Nacións Unidas contra o seu socio isralí. Pero a relación dos Estados Unidos coa UNESCO ten un longo historial de desencontros. Hai tres décadas Reagan decidía saír do organismo, baixo a acusación de favorecer os soviéticos.  

Xa en 2011, Barack Obama decidiu deixar de achegar cartos coincidindo coa aceptación de Palestina no organismo. O delegado estadounidense na UNESCO explicou que a saída do seu país está obrigada pola débeda acumulada dende entón, duns 500 millóns de dólares, e pola súa continuada tendencia anti israelí.  

A UNESCO é a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura. Precisamente a súa directora lamentou profundamente esta perda para o multilateralismo, nun tempo no que a educación e o diálogo son máis importantes ca nunca na loita contra os extremismos. Nesa mesma liña manifestouse o propio secretario xeral da ONU ou o Goberno francés.

En cambio, Israel non só celebrou a decisión dos Estados Unidos como o prezo que debe pagar a UNESCO por discriminar ao seu país, senón que anunciou tamén a súa saída. E lembraron as resolucións que omitiron a vinculación xudía da Explanada das Mesquitas ou a recente inclusión da cidade palestina de Hebrón na listaxe do Patrimonio Mundial. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/10/2017