CRTVG

Buscar

Estados Unidos admite que matou por erro dez civís en Cabul, sete deles menores

Publicado o 18/09/2021 08:50
Estados Unidos admite que matou por erro dez civís en Cabul, sete deles menores

Os Estados Unidos admitiron este venres cometer un "tráxico erro" ao lanzar en Cabul (Afganistán) un ataque con drons no que morreron dez civís, sete deles menores, o día 29 de agosto. Asegurouno o xefe do Comando Central (CENTCOM) norteamericano, o xeneral Kenneth F. McKenzie, en declaracións por videoconferencia nunha rolda de prensa no Pentágono.

O secretario de Defensa estadounidense, Lloyd Austin, pola súa banda, explicou nun comunicado que Mckenzie o informara esta mañá de que o ataque pretendía dirixirse contra unha ameaza "inminente" para o aeroporto internacional Hamid Karzai de Cabul, pero resultou ser un erro e provocou a morte dos civís.

O dron atacou un vehículo no que as forzas estadounidenses pensaban que había militantes do grupo terrorista Estado Islámico cando en realidade o conducía Zemari Ahmadi, un traballador dunha ONG estadounidense.