Os Estados Unidos acordan cos talibáns unha evacuación segura desde Cabul
• Voa a Cabul o primeiro avión para evacuar españois
• Os talibáns declaran unha "amnistía xeral" e aseguran que as mulleres poderán traballar e estudar no marco da lei islámica
No aeroporto de Cabul proseguen as repatriacións, a pesar dos impedimentos que están poñendo os talibáns que controlan os accesos e dificultan a saída dos afgáns que colaboraron cos exércitos estranxeiros e as súas familias. E iso que aseguraron na súa primeira conferencia de prensa que non vai haber vinganzas nin represalias e prometen amnistías xerais. É a imaxe que queren vender ante a comunidade internacional. Din tamén que van respectar os dereitos das mulleres, que será un goberno inclusivo, que poderán seguir traballando e estudando. Iso si, cun matiz: poderán facelo dentro da sharía, da lei islámica, e da interpretación que eles fagan dela.
Á Unión Europea non lle queda outra que dialogar cos novos dirixentes do país centroasiático. Admitíao o xefe da diplomacia dos Vinte e sete. "Os talibáns gañaron a guerra, temos que falar con eles", dicía Josep Borrell nunha teleconferencia cos ministros de Exteriores dos estados membros. Dixo que para lograr sacar do país os nacionais europeos e os que colaboraron con eles durante vinte anos, deben dialogar cos talibáns. Borrell tamén anunciaba que España se ofreceu para acoller centos refuxiados antes da súa repartición polos distintos países. Moitas comunidades xa se ofreceron para acollelos.
Temendo unha nova crise de desprazados ás portas de Europa, a chanceler alemá Angela Merkel defendeu que os refuxiados deben trasladarse en primeiro lugar aos países veciños e valorar despois se algún deles require un traslado ao noso continente. "Insisto. O feito de que a Unión Europea aínda non fose capaz de crear unha política común de asilo é unha debilidade pola nosa parte e temos que seguir traballando nela".
Nas últimas horas, os Estados Unidos anunciaban que lograran pactar cos xefes talibáns un permiso ata finais de agosto para que permitan as saídas de civís a través do aeroporto. A Casa Branca di que aínda é prematuro para recoñecer o autodenominado Emirato Islámico como o Goberno lexítimo en Afganistán porque a situación segue sendo caótica.
O presidente Biden mais o primeiro ministro británico Boris Johnson acordaron celebrar a vindeira semana, a través de videoconferencia, unha reunión do G-7 sobre a crise de Afganistán. Nunha conversa telefónica, Biden e Johnson falaron da necesidade de facer fronte común ante calquera ameaza emerxente do terrorismo e seguir apoiando o pobo afgán.
O Goberno confía en sacar canto antes aos españois de Afganistán, aínda que non fixa unha data concreta. España repatriará aos membros do corpo diplomático e do ministerio do Interior que permanecen no aeroporto da capital afgá. Canda eles está previsto que viaxe tamén o persoal que colaborou con España durante os últimos anos, acompañados das súas familias. En total son unhas catrocentas persoas. Serán trasladados en dous avións militares que desde Dubai viaxarán a Afganistan pero Interior non descarta ter que poñer máis medios para completar a evacuación.
Outras países europeos xa comezaron a sacar os seus. A tarde pasada chegaban a París as primeiras 41 persoas evacuadas por Francia. O mesmo no Reino Unido, que calcula sacar de Afganistán uns 1.500 cidadáns nas próximas 36 horas. E tamén Alemaña comezou xa coas evacuacións, que se prolongarán durante semanas.