CRTVG

Buscar

Os especialistas detectan unha repunta de casos de depresións asociados coa pandemia

Publicado o 13/01/2021 20:59

Alteración biolóxica grave provocada por diferentes causas e que supón inacción e tristura. Así definen os psiquiatras a depresión. O remate das festas de Nadal, as novas restricións derivadas da pandemia e o prolongado da mesma, o frío glacial e a crise económica son o caldo de cultivo perfecto para que esta doenza se espalle máis do normal durante estas semanas. Unha tendencia que xa comezou no outono.

Francisco J. Vidal Pardo, psiquiatra: "Estase vendo que o confinamento prolongado alterou a vida psíquica da xente. Tanto dos que tiñan patoloxías como dos que non. O distanciamento, o illamento, a falta de actuación...".

A depresión pode volverse crónica a partir dos 50 anos de idade e acelera a deterioración física en persoas que padecen algún grao de demencia. A prevención da doenza non é doada pero si se pode atenuar se o paciente reacciona canto antes e acude os servizos sanitarios. Tentar superala sen asistencia profesional ou acudir a libros e vídeos de autoaxuda pode facer mesmo que se agrave a situación da persoa deprimida.

"Se tentas superar unha escordadura ou infarto ti só, vas empeorar. Coa depresión igual. O máis importante é pedir axuda canto antes".

Malia os condicionantes negativos que reúne este comezo do ano, os especialistas non cren que se vaia producir un gromo masivo de cadros de depresión.

Noticias web

13/01/2021