CRTVG

Buscar

Os especialistas debaten sobre o baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural

Publicado o 05/05/2019 21:30

A tramitación da declaración do baile tradicional como Ben de Interese Cultural avivou o debate sobre cal é o obxecto de protección: o baile como espectáculo dos grupos de danza ou o baile espontáneo que segue vivo nas romarías ou nos seráns. Quixemos coñecer cal é a opinión de antropólogas, musicólogas e membros dos grupos de baile.

A declaración de Ben de Interese Cultural do baile tradicional galego é o paso previo para que as nosas danzas poidan ser declaradas Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade por parte da Unesco. Hai pouco máis dun ano, a Consellería de Cultura resolveu iniciar o expediente tal e como reivindicaran as agrupacións de danza, pero desde algúns sectores considerouse que se traballaba desde unha visión folclorizante.

Rebeca Ces. Co-redactora dunha alegación ao expediente do BIC para o baile tradicional galego"O debate que se pode dar é definir exactamente que é baile tradicional e que non é. Nós cremos que o baile tradicional é a posta en práctica onde está vivo, nas foliadas e así, como era antigamente. E que os espectáculos inspirados no baile tradicional son un elemento de difusión, moi importante, moi valorado e moi querido, pero non son o ben en si."

Xulia Feixoo. Etnomusicóloga: "O baile folclórico é un produto escénico, escenificado onde hai unha separación clara e evidente entre un colectivo que realiza unha representación e un público que pasivamente contempla esa representación. Na música e no baile de tradición oral son elementos participatorios nos que participa ou ten lugar un encontro no conxunto da comunidade."

Así se recoñece tamén desde a Asociación Galega de Antropoloxía, que analiza como se encadra o baile galego dentro da categoría de patrimonio inmaterial.

Guadalupe Jiménez. Secretaria da Asociación Galega de Antropoloxía" É un cambio total da consideración do patrimonio. Xa non son expertos, técnicos en patrimonio senón a xente a que eleva á categoría de patrimonio inmaterial o que considera relevante. Por que? Porque van ser os que manteñen viva esa tradición. Son quen van coidar o baile tradicional. A cultura non son as cousas, son as prácticas, o proceso, o contexto. No caso do baile é o contexto, o que permite que o baile, o coñecemento e a técnica, sexa declarado patrimonio inmaterial. "

E ese contexto é o que hoxe segue vivo nos seráns, nas foliadas e nas romarías.

Noticias web

05/05/2019