CRTVG

Buscar

Os españois que saian de Wuhan serán illados 14 días nun hospital de Madrid

Publicado o 29/01/2020 20:52

A China recoñece seis mil infectados polo coronavirus. Son xa máis que no andazo epidémico que sufriu en 2003. É máis contaxioso, pero menos letal. Os estranxeiros comezan a ser evacuados. Os españois residentes en Wuhan aínda non teñen data de saída, pero xa se sabe que pasarán a corentena nun hospital de Madrid.

Este non é o aspecto habitual das rúas nunha cidade chinesa nin dunha estación de metro. Cada día, inmensas colas de xente invaden o espazo. Pero en Wuhan, os cidadáns seguen ao pé da letra as recomendacións sanitarias. E é que saír da casa significa risco de contaxio. Xa son 6.000 as persoas infectadas en só mes e medio. 132 morreron. É máis contaxioso ca o SARS que se declarou hai 17 anos, pero menos letal.

A actividade, porén, é incesante para os traballadores que constrúen os dous novos hospitais na cidade. Traballan día e noite para conseguir que estean rematados antes do 5 de febreiro.

Con estes novos datos, os países aceleraron a evacuación dos seus cidadáns residentes en Wuhan. A Unión Europea prepara dous voos para recoller os nacionais dos 27 países membros. Entre eles, os 20 españois. O Goberno aínda non confirmou a data.

Si se sabe que permanecerán illados durante 14 días nun hospital de Madrid e que alí poderán recibir visitas de familiares en determinadas condicións.

Noticias web

29/01/2020