Os escolares de seis comunidades autónomas volven este luns ao colexio para iniciar o curso
Cantabria, Euskadi, A Rioxa, Valencia, Aragón e Murcia abrirán este luns as portas dos centros educativos de primaria nun novo curso marcado polas medidas anticovid-19: máscaras, distancia de seguridade, menos alumnado por aula, máis profesorado e protocolos ante a aparición de casos entre profesores ou alumnos.
No resto de comunidades autónomas, os cativos irán incorporándose ao longo da semana de xeito gradual. En Madrid, máis de 2.000 profesores teñen que repetir o test serolóxico despois de daren positivo na primeira proba realizada a semana pasada que ocasionou ringleiras quilométricas de docentes.
Enrique Ossorio, conselleiro de Educación de Madrid, asegura que o importante non é que desen positivo nesas probas senón na PCR que se lles vai facer. E que os profesores que dean positivo e non poidan comezar o curso serán substituídos como habitualmente se substitúe un profesor que está enfermo ou ten que gardar corentena. Chamarase un interino.
En Valencia cinco escolas non poderán comezar precisamente por teren parte do equipo docente en corentena, e algunha escola infantil que xa comezara o martes tivo que pechar despois de ter casos positivos entre os seus traballadores. Mentres algúns concellos están realizándolle estas probas ao alumnado antes de volver á escola, en contra das medidas da Generalitat de facer cribados masivos tanto a docentes como a colectivos de persoas que non sexan de risco porque poden levar a relaxar as medidas sanitarias ao sabérense negativos.