CRTVG

Buscar

Os escolares celebran por adiantado do Día das Letras Galegas

Publicado o 16/05/2019 21:54

Convocados para o ensaio xeral, ás once da mañá, os alumnos de 5º de primaria do CPI Viaño Pequeno xa estaban vestidos e dispostos, pero aínda cumpriron uns pequenos retoques de son e do pano de fondo, co que ata o director do centro tivo que botar unha man para que todo saia perfecto nuns minutos.

A súa titora Rosa cóntanos que o Festival das Letras Galegas comeza despois de comer con esta obra máis o himno galego cos de 6º e, logo, os de primeiro prepararon unha muiñeira e que elixiron estas tres actuacións xa que Fraguas era moi amante dos nosos costumes e folclore.

Unha alumna dinos que a obra Restaurante Farruco é toda en rimas, en galego mentres outra móstrase encantada con todo o que fan no colexio. Actrices e actores non tiveron nin un só erro de memoria no ensaio e cada un gozou co papel que lle tocou representar e tamén da previa elaboración dalgúns dos disfraces.

As tres que fan de chocos cóntannos que o fixeron elas ca nai dunha e que o é todo froito do seu mazín mentres que a que fai de mosca demóstranos como ten que falar co seseo.

Os alumnos de Trazo, concello eminentemente rural da periferia de Santiago, son galegofalantes decote. Porén, o día das nosas letras fai soar as alarmas tamén no rural. Rosa, no día a día, decátase de que eles malia ser galegofalantes prefiren ler e escribir en castelán polo que cre que o galego está ameazado mesmo no rural e cos seus alumnos avoga porque o día das Letras sexa todo o ano.

Por iso, máis ca nunca eles son hoxe embaixadores e exemplo dunha lingua que aman e queren protexer. E desde Trazo deséxannos feliz día das letras galegas e falade galego!

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2019