CRTVG

Buscar

Os incendios forestais de Madrid e Ávila centran a preocupación dos equipos de extinción

Publicado o 30/06/2019 18:03

Os lumes de Cadalso e Cenicientos, en Madrid, e de El Arenal e Gavilanes, en Ávila, son nestes momentos os máis preocupantes, co nivel 2 do INFOMA activado na capital. En Tarragona os equipos de extinción conseguiron estabilizar o incendio da Ribeira do Ebro, que levaba catro días activo e que lles afectou a unhas 6.000 hectáreas.

A Comunidade de Madrid activou o nivel 2 do plan INFOMA para combater o incendio de Cadalso de los Vidrios e Cenicientos debido á evolución do lume nas últimas horas. Onte pola tarde os servizos de rescate desaloxaron o cámping de Cadalso e pouco despois a urbanización de La Castellana. Agárdase que hoxe poidan volver ás casas. 348 efectivos seguen traballando na zona.

En Ávila, a delegación da Xunta de Castela e León desactivou esta mañá o nivel 2 nos incendios declarados nas localidades de Gavilanes e El Arenal. Despois dunha noite dura de traballo das brigadas de extinción e dos efectivos da UME nas últimas horas conseguiron fixar unha barreira de seguridade para protexer das lapas o núcleo urbano de Pedro Bernardo. A situación tende a mellorar, pero o vento cambiante podería complicar a situación ao longo do día.

Mentres, en Tarragona, os Bombeiros da Generalitat esperan poder controlar hoxe o incendio da Ribeira do Ebro, que puido ser estabilizado onte á noite. Durante esta xornada centraranse en manter o perímetro e atacar calquera posible reactivación nos puntos críticos. Os propietarios dalgunhas masías xa puideron volver ás súas casas e agárdase que o resto dos desaloxados o poidan facer ao longo do día. O presidente da Generalitat, Quim Torra, reuniuse hoxe cos alcaldes dos municipios afectados, que anunciaron xa que teñen previsto pedir a declaración de zona catastrófica, ao quedaren 6.000 hectáreas afectadas polo lume.

Noticias web

30/06/2019