CRTVG

Buscar

Os equipos de emerxencia amosan as imaxes do rescate no incendio dunha residencia de Sevilla

Publicado o 18/01/2021 13:35

Ás carreiras polos corredores do edificio. Así comeza o vídeo publicado polo servizo de emerxencias de Sevilla con novas imaxes do incendio que asolou unha residencia de maiores da capital andaluza.

Os máis de 160 efectivos que participaron no rescate buscan os anciáns e os seus coidadores por todas as plantas. Son preto dun cento as persoas que se encontran no interior do edificio no momento en que se declarou o lume.

Entre o fume e os sons das sirenas, os equipos de emerxencias corren practicamente ás escuras na procura dos afectados que puideron quedar atrás. Como se pode apreciar nas imaxes, son momentos de tensión en que cada segundo conta.

Os bombeiros derruban portas a patadas e, un tras doutro, van rescatando anciáns e coidadores da voracidade das lapas.

Pero non todos conseguiron sobrevivir a este incendio. Unha muller de 80 anos morreu como consecuencia das lapas, mentres que outros cinco internos resultaron feridos de gravidade.

O vídeo, que resume en dez minutos varias horas de gravación, quere renderlles unha homenaxe á anciá falecida e aos participantes no rescate.

Noticias web

18/01/2021