CRTVG

Buscar

Os encontros empresariais, protagonistas na segunda xornada de Fitur

Publicado o 20/05/2021 14:57

Fitur convértese en lugar de encontro empresarial. Hai indicios de recuperación no turismo galego, sobre todo como destino seguro e de natureza. "Sendas verdes, a xeografía, o megalitismo, o sendeirismo están collendo moito valor", explica Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia.

Proba desa recuperación é tamén o regreso de feiras como Turexpo, que volverá celebrarse no marco da Semana Verde en setembro. Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, di que agardan "que de novo arrinque con ganas para volver desenvolver a nosa función de ferramenta de promoción económica e de promoción do turismo".

A gastronomía galega conta cun espazo propio en Fitur. Alumnos do Centro Superior de Hostalería preparan degustacións dalgúns dos mellores bocados do país. "Empanada, polbo, voandeira, temos un pouco de todo para amosarlle a todo o mundo o potencial que temos", explica Ainhoa Caamaño, alumna do Centro Superior de Hostalería de Galicia. 

Tamén ten presenza o turismo de autocaravana, que en Galicia está a ter un aumento exponencial, como conta Elías Rozas, director da empresa Compostela Campers. "Nos últimos 2 anos podemos falar de máis dun 60 por cento no uso dos vehículos camperizados", asegura. 

E mesmo é posible conectar co pasado galego máis romano. "É o escaparate ideal para promocionar o noso Arde Lucus, unha festa que celebra o 20 aniversario", explica Mauricio Repetto, concelleiro de Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, que pasea vestido de romano por Fitur. 

Nesta segunda xornada da feira tamén se reúnen as comunidades do Camiño, buscando o traballo conxunto ante o turismo de peregrinación. "Imos analizar o estado xeral dos camiños, os albergues, que se cumplan as normas sanitarias en todo momento, se queremos un camiño seguro" comenta Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo. Experiencias turísticas puramente galegas que se poderán descubrir en Fitur ata o vindeiro domingo.

Noticias web

20/05/2021