Os empresarios galegos na Arxentina, satisfeitos co acordo entre a UE e Mercosur
Falta aínda coñecer a letra pequena do acordo entre a Unión Europea e o Mercosur, e que o asinen todas as partes, pero A Arxentina quere capitalizar ao máximo este logro obtido durante a súa presidencia temporal do bloque suramericano, despois de 20 anos de negociacións.
Deixouno en claro no cumio de líderes do Mercosur que se celebra estes días no país austral e que, sen dúbida, estivo centrado no pulo que este tipo de alianzas comerciais lles brindará ás economías da rexión. Para os expertos, un dos sectores que máis gaña é o pesqueiro, clave nas relacións comerciais entre A Arxentina e Galicia.
Galicia importa unhas 55.000 toneladas anuais de pescados e mariscos arxentinos, polo que os empresarios galegos que operan no país austral celebran o acordo.
Verán diminuídos os aranceis gradualmente, de 15 % a 0 en 7 anos, un tempo que lles permitirá prepararse e sumar valor engadido a uns produtos ata o de agora menos competitivos pola forte presión fiscal e os altos custos de produción que arrastraban.
O acordo Unión Europea - Mercosur creará unha das maiores áreas de libre comercio do mundo.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí