CRTVG

Buscar

Os empresarios de Ferrolterra piden a supresión ou a bonificación das peaxes

Publicado o 14/01/2019 15:30

O encarecemento da AP-9 desde primeiros de ano sacou de novo á luz a vella reivindicación para que se suprima a peaxe entre Ferrol e A Coruña, polo elevadísimo custo que lles supón a usuarios e transportistas.

José Ramón Franco, presidente dos empresarios de Ferrolterra: "Non só é a peaxe da autoestrada, tamén o custo do combustible, o custo do propio vehículo e todo o que leve aparellado. Nós avaliamos que a algúen que faga o percorrido completo, a finais de mes suponlle preto de 400 euros en total".

Os empresarios de Ferrolterra piden, como primeira medida, unha bonificación parcial da peaxe.

José Ramón Franco, presidente dos empresarios de Ferrolterra: "Somos conscientes de que optar a unha liberación total da peaxe ao mellor non é viable neste momento, aínda que o obxectivo é chegar a que, nun momento, a autovía Ferrol-A Coruña se considere como unha contorna urbana e, evidentemente, a partir de aí se considere un contorna totalmente gratuíta".

Ademais, cren que son moitas as vantaxes que tería a creación desta área urbana entre as dúas cidades.

José Ramón Franco, presidente dos empresarios de Ferrolterra:​ "Eu creo que é algo do que se leva falado moito, pero que en ningún caso se lle deu a transcendencia ou a importancia que ten e mesmo a expectativa que xeraría, porque as comunicacións son vitais para calquera tipo de economía, pero mesmo para gañar calidade na vida social, para reducir a sinistralidade nas estradas".

A Asociación de Empresarios da Coruña amosou o seu apoio total ás propostas feitas polos empresarios de Ferrolterra, que xa lles foron trasladadas á Xunta de Galicia.

 

Noticias web

14/01/2019