CRTVG

Buscar

Os efectivos de seguridade aumentan nun 17% na Coruña para a noite de San Xoán

Publicado o 19/06/2019 17:42

Os areais da Coruña volverán vivir intensamente a noite meiga desde as seis da tarde e ata que o corpo aguante. O baño nas praias estará prohibido desde as dez da noite, máis dunha ducia de cámaras fixas e móbiles farán parte das tarefas de vixilancia. En caso de haber incidencias, o hospital de campaña actualizará datos en tempo real por se fose necesario avisar as familias dos menores que teñan que ser atendidos.

Neste sentido, desde o Concello fan un chamamento aos pais para que advirtan os seus fillos dos riscos do consumo excesivo de alcol. O ano pasado, segundo datos do consistorio, o 60% das persoas atendidas por intoxicación etílica foron mulleres, cunha alta porcentaxe de menores de idade.

Ás oito da mañá rematará o dispositivo de seguridade, cando comecen as tarefas de limpeza. Un dispositivo que este ano aumenta en efectivos nun 17 por cento pola coincidencia co partido de fútbol do Deportivo. Os corpos sanitarios e de seguridade ofrecerán ademais información actualizada sobre incidencias e consellos a través das súas redes sociais durante a noite máis longa do ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019