CRTVG

Buscar

Os drons con cámaras térmicas facilitan as buscas nocturnas

Publicado o 13/10/2019 21:39

Estas imaxes captadas en plena noite por un dron permitiron rescatar con vida a veciña do concello de Forcarei desaparecida na tarde do xoves pasado. A aeronave non tripulada conta cunha cámara de visión térmica que facilitou a localización da anciá á unha da mañá, a setecentos metros da casa.

"O que fai unha cámara termográfica non é máis que debuxar unha silueta en base á emisión de calor por parte dun corpo e reflictea nunha pantalla". "Imos voando un pouco ás cegas", afirma Xosé Antonio Argibay, coordinador do grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias.

Casos coma este demostran a utilidade das aeronaves non tripuladas en rescates. Dende o 2016 a Axencia Galega de Emerxencias participou na busca dunhas corenta persoas, moitas delas maiores e en zonas rurais. Un dos drons dos que dispón AXEGA, amais de localizar a persoa en apuros, permite tamén transportar víveres.

"Temos un dron moito máis grande, que o que permite é facer traslado de carga útil a un punto determinado onde foi localizada unha persoa". "Mentres chegan os equipos de emerxencia o que nos permite é levar dende comunicacións, unha manta, unha botella de auga... ", di Xosé Antonio Argibay coordinador do grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias.

Estes drons teñen unha autonomía de voo de 20 minutos. A Axencia de Emerxencias vai estrear, un novo con posibilidade de voar catro horas seguidas.

Noticias web

13/10/2019