Os drons axudarán a conseguir unha xestión forestal sostible
O proxecto Xestal vai sobrevoar os montes do país recollendo datos de utilidade para unha xestión forestal sostible. Un dron de última xeración medirá o volume e estado das masas boscosas nunha iniciativa financiada polo programa Conecta Peme da Xunta de Galicia.
A altura e o diámetro das árbores, o estado das masas... son datos fundamentais para a xestión forestal que ata o de agora se obtiñan manualmente, nun proceso lento e custoso. O proxecto Xestal vai obter toda esta información desde o aire, coa axuda dun novo dron dotado cun sistema de teledetección de altas prestacións.
Os datos poranse a disposición das empresas forestais a través dunha ferramenta informática que axudará na toma de decisións tan importantes como o momento ideal de corta.
Catro empresas do país, apoiadas pola USC e o Centro Tecnolóxico de Galicia, participan nesta iniciativa, que finaliza en setembro de 2020.