CRTVG

Buscar

Os dous senegaleses que tentaron axudar a Samuel reciben o permiso de residencia e traballo

Publicado o 28/07/2021 15:02

Sabían que verse implicados nunha pelexa podía supoñer a súa expulsión de España ou mesmo algo peor, que eles tamén foran vítimas dos golpes que acabaron coa vida de Samuel. Aínda así, non dubidaron en axudalo. Un xesto heroico e humano que a sociedade quixo agradecer reclamando os papeis que regularizan a súa situación.

O coordinador da ONG Ecodesarrollo Gaia, Guillermo Fernández, asegura que "eles considéranse xa coruñeses e que se atopan en casa e máis despois da acollida que tivo o que fixeron".

Ibrahima e Magatte son testemuñas chave na investigación que continúa aberta e baixo segredo de sumario, por iso, polo de agora queren manterse en silencio. Se ben, no seu círculo máis próximo non agochan unha ledicia agridoce pola súa nova situación.

Segundo Guillermo Fernández, "están encantados, tranquilos e contentos, pero preocupados porque se cumpra o segredo de sumario".

Coa tarxeta de residencia e o permiso de traballo na súa man, Ibrahima e Magatte tamén poderán atender as ofertas de traballo que se lles brindaron logo de coñecerse o acontecido na tráxica noite do sábado 3 de xullo. Unha fábrica de madeira ou o mar poderían ser dúas portas abertas ao seu novo destino laboral. "Son xente correcta, pacífica, amable e bos profesionais. Aprenderon a pescar nun cascarón no medio do océano", asegura o coordinador de Ecodesarrollo Gaia.

A regularización da situación dos dous mozos senegaleses tamén permite que Ibrahima e Magatte participen como testemuñas no proceso xudicial aberto polo crime de Samuel.

 

Noticias web

28/07/2021