Jealsa cre que nun mes poderá volver a producir na planta de Boiro
"Estamos aliviados, moi agradecidos e estamos decididos." O presidente de Jealsa díxolle ao presidente da Xunta que espera recuperar o traballo da planta de Bondión en cousa de dúas semanas, despois de chegar a temer perdela enteira o sábado pasado. Jesús Alonso, presidente de Jealsa: "Esta fábrica da que perdemos varias partes, como sabedes, `pero que quedou en pé a fábrica de conservas, temos a ilusión de poñela en marcha antes de que pase o primeiro mes despois do inecendio. E creo que o imos lograr."
Catro helicópteros, dous barcos, os bombeiros, Protección Civil, e ata 60 profesionais impediron que a fábrica de Jealsa non se queimase por completo e fosen só 11.000 os metros cadrados afectados.
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Estamos moi satisfeitos co labor de extinción e tamén coa capacidade, coa autoestima e co empuxe que están acreditando, horas despois do sinistro para volver outra vez a unha certa actividade. Estou convencido de que o van conseguir porque conseguiron transformar unha pequena conserveira, nunha das grandes conserveiras do mundo."
Alberto Núñez Feijóo promete o apoio da Xunta a Jealsa e aos 2.000 traballadores vinculados á planta de Bondión. Espera que este incidente axude a que o Goberno central apoie o proxecto da conserveira para construir unha biorefinería que vai procesar 240.000 toneladas de residuos, co que opta aos fondos Next Generation da Unión Europea."