CRTVG

Buscar

Os donos da residencia clausurada na Fonsagrada declararán en calidade de investigados

Publicado o 15/04/2020 21:04

O xulgado chama a declarar como investigados os donos da residencia Burón da Fonsagrada. A Xunta pechou cautelarmente este centro privado a semana pasada tras ser alertada dun posible maltrato aos anciáns e puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía. Agora o xulgado abre un proceso xudicial contra os donos da residencia por apreciar que podería haber un delito penal. A Xunta fíxose cargo dos 29 anciáns que estaban nesta residencia.

A maxistrada do xulgado de primeira instancia e instrución do concello lugués da Fonsagrada comezará este xoves a tomar declaracións polo caso das dúas vivendas comunitarias (Burón I e Burón II) que foron clausuradas pola Xunta o pasado 8 de abril, despois de constatar as malas condicións nas que vivían os 29 anciáns destes centros. Fontes do TSXG confirmaron que este xoves se iniciará o proceso de toma de declaracións, tanto para aquelas persoas que están citadas en calidade de testemuñas como de investigados.

Os maiores están a ser recolocados no centro público do Carballiño. Todos eles deron negativo nas probas da COVID-19, aínda que o seu estado é moi diferente e parte deles terán que seguir ingresados varios días máis no HULA por estar en peor condición física. Na residencia do Carballiño poderán recibir a atención sociosanitaria que necesitan e un seguimento individualizado da súa evolución, explicou a Xunta esta semana.

Noticias web

15/04/2020