CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Os doces típicos do Entroido tamén chegan á Arxentina

Publicado o 09/02/2016 15:23




É unha festa de moita troula. E de moita comida! Os doces típicos do Entroido galego tamén chegan á Arxentina, onde restaurantes e confeitarías rexentadas por emigrantes lles fan aos porteños as filloas e as orellas típicas.


Non importan as altas temperaturas do verán austral nin que Bos Aires se atope máis valeiro do habitual en pleno mes de vacacións.
Os arxentinos nunca din que non a un doce, e tampouco ós máis típicos do entroido galego.

Diso se encarga Pepe, quen leva media vida achegando ós porteños os doces populares da súa querida Galicia dende a confitería que rexenta na concorrida avenida Córdoba de Bos Aires.
Porque nestes días, non poden faltar as filloas, orellas ou o bandullo na casa de ningún galego. Tampouco na Arxentina.

"Tráelles moitos recordos porque, aínda que non estea moi ben feito como está na nosa terra, recórdanos esas comidas de cando nós eramos nenos", di o reposteiro Pepe Cobas.

Como moitos galegos, este negreirés aprendeu de pequeno coa súa avoa a facer as filloas e orellas, aínda que agora xa lle pon o toque local a estas recentitas que vende todo o ano.

"Hai moita xente que cando fai os cumpreanos e iso, queren recordar ou ter na súa mesa algo típico galego. E non soamente o fago acá, se non que se mandan para Bahía Branca ou outros sitios", conta Pepe Cobas.

Grazas a Pepe os emigrados en Bos Aires séntense un pouco máis preto da casa a través da gastronomía.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí