CRTVG

Buscar

Os docentes din que hai que facer pedagoxía para que os nenos interioricen as normas

Publicado o 28/08/2020 10:39

Juan Carlos Abalde, presidente da Asociación de Directores de Centros Públicos analiza, no Bos días o acordo ao que chegaron as comunidades autónomas co Ministerio de Sanidade e Educación sobre os protocolos de prevención da covid-19 no curso escolar.

29 medidas aprobadas, 5 recomendacións, entre elas a utilización da máscara desde os 6 anos; a Xunta de Galicia recomenda desde os tres anos. E avalía tamén os protocolos de utilización do transporte escolar.

Sobre estas medidas, Abalde di que "xa se viñan contemplando e xa estaban no protocolo deseñado, e agora quédanos por ver en detalle a norma. Fálase de control de temperatura ás entradas, non sei se seguirá valendo a autoenquisa que deseñara a consellería. A distancia de metro é medio tamén é un tema que temos que ver como pode influír no comedor".

"Deseñar normas é fácil, o difícil é levalas á práctica e cumprilas estritamente. Hai que facer moita pedagoxía para que interioricen as normas", di o presidente da Asociación de Directores de Centros Públicos.

"Hai moitos elementos que nós non podemos controlar e confiamos na responsabilidade da sociedade", incide Abalde.

"Nos horarios estamos limitados porque dependemos do transporte; só pode haber certa flexivilidade co alumnado do barrio, que vai a pé ou cos propios medios, polo que temos que seguir a estrutura horaria que tiñamos", explica o docente.

En caso de que se dese un positivo, "temos que comunicar ás autoridades sanitarias e despois serán elas as que decidan se hai que pechar unha aula, un curso ou unha etapa educativa", di Abalde.




 

Noticias web

28/08/2020