CRTVG

Buscar

Os doce acusados

Publicado o 11/10/2019 10:40
Os doce acusados

Dous anos despois do referendo do 1-O, os doce líderes soberanistas sentados no banco do Supremo por dirixir e promover o proceso independentista catalán esperan a súa sentenza, algúns desde prisión, acusados a maioría de rebelión pola Fiscalía e de sedición pola Avogacía do Estado.

Para a Fiscalía, o procés foi un "golpe de Estado" que buscou liquidar a Constitución con "violencia suficiente", pero a Avogacía cre que esta non foi "elemento estrutural" do plan.

Despois de catro meses de xuízo, ambas as partes mantiveron as penas que solicitaran para os nove homes e tres mulleres acusados. Pola súa banda, Vox -acusación popular- solicita ata 74 anos para os principais acusados. En resposta, as defensas pediron no xuízo a absolución ou, como moito, algunhas admitiron a desobediencia, que non comportaría penas de prisión.

O Ministerio Público propuxo ademais que non poidan obter o terceiro grao ata cumprir polo menos a metade da pena.

Estes son os doce acusados:

1.- ORIOL JUNQUERAS

Fiscalía: 25 anos de cárcere por rebelión agravada con malversación.

Avogacía: 12 anos de cárcere por sedición e malversación.

Vicepresidente e responsable de Economía e Facenda da Generalitat o 1-O, leva en prisión provisional desde o 2 de novembro de 2017, desde onde segue liderando ERC.

Saíu do cárcere para recoller a acta de deputado que conseguiu nas eleccións do pasado mes de abril, aínda que logo foi suspendido polo Congreso. ERC volveu situar como cabeza de lista nos comicios europeos, pero esa vez o Supremo non lle permitiu saír para acceder á acta de eurodeputado. Volve liderar a candidatura por Barcelona para o 10-N.

Aínda que durante o xuízo se presentou como un "home de paz", para a Fiscalía é "o motor principal da rebelión". Esta apoiouse en tres alicerces -executivo, lexislativo e xudicial- que funcionaron como unha "organización criminal" liderada por Junqueras, en ausencia do ex-president Carles Puigdemont.

2.- CARME FORCADELL

Fiscalía: 17 anos por rebelión.

Avogacía: 10 anos por sedición.

Primeiro, presidenta da Asemblea Nacional Catalá (ANC) e, despois, do Parlament. Leva en prisión desde marzo de 2018.

As acusacións adxudícanlle o título de "promotora" da rebelión, xa que, baixo a súa presidencia, a Mesa do Parlament deu luz verde á tramitación das denominadas leis de desconexión e permitiu o voto da declaración unilateral de independencia (DUI).

Forcadell denunciou que estaba a ser xulgada por rebelión pola súa traxectoria política e non polos seus actos porque fixo o mesmo que os seus compañeiros da Mesa, que van ser xulgados en Cataluña por desobediencia.

3 e 4.- JORDI SÀNCHEZ E JORDI CUIXART

Fiscalía: 17 anos por rebelión.

Avogacía: 8 anos por sedición.

Os Jordis son os acusados que máis tempo levan en prisión, desde o 16 de outubro de 2017.

Como líderes de ANC e Òmnium Cultural, a Fiscalía sostén que foron "reis e señores da orde cívica de Barcelona" no turbulento outono de 2017, impartindo ordes aos Mossos e condicionando a actuación da Garda Civil. No xuízo destacouse especialmente o papel de Sànchez durante o longo asedio á Consellería de Economía o 20 setembro, pero ambos enmarcaron a súa actuación no dereito de protesta.

Sànchez, para quen non se pide pena de inhabilitación, emprendeu carreira política en prisión preventiva. Foi elixido deputado de JxCat no Parlament -chegou a ser candidato á investidura como presidente da Generalitat- e tamén no Congreso, en ambos os casos suspendido. Volve estar nas listas para o 10-N.

5.- JOAQUIM FORN

Fiscalía: 16 anos por rebelión agravada con malversación.

Avogacía: 11 anos e medio por sedición e malversación.

Ex-conselleiro do Interior e responsable da política de seguridade despregada polos Mossos. Leva en prisión desde o 2 de novembro de 2017 e permitíuselle saír para recoller a súa acta de concelleiro no Concello de Barcelona.

A Fiscalía acusouno de controlar "a montaxe" dos Mossos o 1-O e de asumir a violencia ao facer oídos xordos ás advertencias da policía autonómica en vésperas do referendo. El negou darlles instrucións para que non cumprisen coa súa obrigación.

6.- JORDI TURULL

Fiscalía: 16 anos por rebelión agravada con malversación.

Avogacía: 11 anos e medio por sedición e malversación.

Encarcerado tamén ese 2 de novembro, quedou en liberdade o 4 de decembro tras pagar unha fianza; volveu a prisión en marzo de 2018.

Era o responsable da Consellería da Presidencia, desde a que se despregou toda a estratexia de publicidade institucional o 1-O paga con fondos públicos, segundo as acusacións. Afirmou no xuízo que o Govern decidiu ignorar as advertencias do Constitucional nun exercicio de "ponderación" no que priorizou o mandato popular de votar.

Chegou a someterse sen éxito a unha sesión de investidura como presidente da Generalitat tras as candidaturas erradas de Puigdemont e Sànchez. O pasado abril obtivo escano por JxCat no Congreso, foi suspendido e volve competir o 10 N.

7.- JOSEP RULL

Fiscalía: 16 anos por rebelión agravada con malversación.

Avogacía: 11 anos e medio por sedición e malversación.

Como Turull, pasou en prisión apenas un mes a finais de 2017 e en marzo de 2018 regresou ao cárcere. Foi suspendido como deputado autonómico e nacional e volve estar nas listas para as xerais de novembro.

Ademais de animar a votar o 1-O, prohibiu "arbitrariamente" na súa condición de conselleiro de Territorio que un barco en que viaxaba a policía atracase na baía de Palamós (Xirona), aínda que no xuízo sostivo que non sabía quen ía na embarcación.

Afirmou que se apostou polo referendo coa "convicción" de que non era delito e ante o que consideraban "falta de autoridade moral" do Constitucional. Segundo o seu testemuño, non había plan ou estratexia para desenvolver a DUI.

8.- RAÜL ROMEVA

Fiscalía: 16 anos por rebelión agravada con malversación.

Avogacía: 11 e medio por sedición e malversación.

Foi ex-conselleiro de Relacións Institucionais e Exteriores e seguiu o mesmo camiño en prisión preventiva que Rull e Turull. Coma eles, conseguiu escano como deputado autonómico nas eleccións do 21 de decembro de 2017 e foi suspendido. Tamén foi suspendido como senador de ERC tras as últimas xerais, pero volve encabezar a lista por Barcelona á cámara alta.

Era o encargado da estratexia exterior do Govern para lexitimar internacionalmente o procés e dirixía o Consello de Diplomacia Pública de Cataluña (Diplocat), unha "sorte de corpo diplomático paralelo ao estatal" desde o que se contrataron presuntos observadores internacionais, segundo a Fiscalía.

Como Junqueras, Romeva só contestou o seu avogado, limitouse a defender o dereito de autodeterminación, negou "rotundamente" a violencia e tachou de "delirante" que o acusasen de malversar.

9.- DOLORS BASSA

Fiscalía: 16 anos por rebelión agravada con malversación.

Avogacía: 11 anos e medio por sedición e malversación.

Encarcerada desde marzo de 2018 (igual ca os tres anteriores), Bassa dirixiu a Consellería de Traballo e Asuntos Sociais.

Atribúeselle retirar os funcionarios do seu departamento a competencia sobre algúns centros de votación para asegurarse a súa dispoñibilidade o 1-O, o desenvolvemento dunha base de voluntarios e animar á participación.

Bassa relativizou o 1-O e as súas consecuencias: o referendo, dixo, "non foi nunca un acto concluínte" para proclamar a independencia, senón un instrumento para forzar unha negociación co Estado, e a DUI foi unha declaración política, "nada máis".

10, 11 e 12.- SANTI VILA, CARLES MUNDÓ E MERITXELL BORRÀS.

Fiscalía e Avogacía: 7 anos por desobediencia e malversación.

Os ex-consellers de Empresa, de Xustiza e de Gobernación son os únicos acusados que se atopan en liberdade.

As acusacións impútanlles apoiar xunto ao resto do Govern os acordos para executar e desenvolver o referendo, desobedecendo o mandato xudicial e facendo un uso ilexítimo de fondos públicos.

Todos negaron que desde os seus departamentos saíse un euro público para o referendo. Pola súa banda, Vila, que dimitiu a véspera da DUI, sostivo que foi Puigdemont quen abocou o Govern á declaración unilateral de independencia ao non saber "xestionar emocionalmente" a tensión que se vivía en Cataluña.