CRTVG

Buscar

Os disfraces saen á rúa no día grande do Entroido a pesar do tempo de chuvia

Publicado o 13/02/2018 14:34

 

Falabamos antes da chuvia, tan necesaria nos encoros.... Pero se é polo Martes de Entroido, excusaba vir. En Manzaneda estragou o día máis agardado da festa, e non puido saír o desfile tradicional de folións e mázcaras de toda a comarca. Suspendérono para protexer os traxes e os bombos da auga. Unha mágoa porque, declarado de Interese Turístico de Galicia, este Entroido é unha das citas máis ancestrais e agardadas na provincia de Ourense. O que si se mantén é o xantar no pavillón de deportes, onde a estas horas están xa máis dun milleiro de persoas que seguen tendo a esperanza de saír a tocar e bailar neste Martes de Entroido. 

En Laza o tempo non foi impedimento, chova ou neve o ritmo non para. Aquí hoxe os protagonistas son os peliqueiros veteranos. Xente que leva décadas e décadas vestindo un traxe que representa a esencia en si deste enxebre e ancestral Entroido. Os peliqueiros percorren as casas na busca de licor, bica e festa. Aquí o Entroido remata esta noite co tradicional testamento do burro. Antes, esta tarde dinlle adeus a don Carnal en todas as vilas da provincia que estarán pendentes do tempo para poder celebrar os tradicionais desfiles e a queima dos mecos. Sempre coas sobremesas desta época na mesa, claro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018