Os directores deportivos de Obra e Breo fan balance da primeira volta da ACB
O Breo, fóra do descenso, suma seis vitorias
O Breo respira coas seis vitorias logradas na primeira volta, nun regreso á ACB con máis contratempos dos agardados en forma de lesións. Quique Fraga, director deportivo do Cafés Candelas Breogán: "Soubemos superar esas situacións e conseguir esas seis vitorias que nos poñen no sendeiro de alcanzar 11 ou 12 vitorias que nos poñen no camiño de conseguir o obxectivo"
Entre esas seis vitorias unha de moito mérito ante o Real Madrid, nun deses días máxicos no Pazo.
O Obra conta sete triunfos e colle aire
O Obradoiro tamén chega ata esta metade da temporada cos deberes feitos: sete vitorias, dúas por enriba do descenso. Tamén as lesións e como cada ano unha nova construción do equipo marcan o camiño dos de Moncho Fernández nestes primeiros 17 partidos.
José Luis Mateo, director xeral do Monbus Obradoiro: "Tendo en conta diversos factores: o orzamento co que partiamos, que os equipos da zona baixa deron un salto económico importante, que perdemos os catro xogadores máis valorados da temporada pasada e que sufrimos varias lesións en xogadores importantes, o balance é para estar contentos".
A nota definitiva tocará poñela ao final da temporada, e por diante queda unha segunda volta que os dous equipos afrontan con optimismo aínda que sabendo que será dura.
José Luis Mateo, director xeral do Monbus Obradoiro: "Vai ser unha segunda volta moi esixente, cun derbi na casa, vivindo unha festa do baloncesto, con partidos con moitísima esixencia." Quique Fraga, director deportivo do Cafés Candelas Breogán: "A segunda volta vai ser moi moi dura, se antes nos custaba gañar, agora vainos custar moito máis"